Brión saca a licitación o servizo de catering da escola infantil municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión saca a licitación o servizo de catering na escola infantil municipal durante os próximos dous anos, por procedemento aberto e varios criterios de adxudicación. Un anuncio que publican hoxe tanto o Boletín Oficial da Provincia como o Perfil do Contratante do Concello de Brión, polo que dende mañá venres ábrense 8 días naturais para a presentación de proposicións no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9 a 14 horas (de luns a venres) e os sábados de 10 a 12:30 horas.

O prezo unitario por menú diario é de 3,08 euros, IVE incluído. Tomando como base este prezo unitario de saída e que a gardería municipal de Brión conta con 42 nenos e nenas que habitualmente fan uso deste servizo (22 días mensuais, 11 meses ao ano), o orzamento estimado de licitación sería de algo máis de 62.000 euros. A duración do contrato é de 2 anos, prorrogable por dous anos máis.

Criterios de adxudicación

O contrato adxudicarase de acordo con múltiples criterios, sempre co obxectivo principal de proporcionar aos alumnos unha comida de calidade, tanto desde o aspecto nutricional (equilibrio e variedade) como desde o aspecto hixiénico e organoléptico (textura, color, olor, sabor, aspecto…). A empresa adxudicataria encargarase da elaboración de menús diarios por semana e tempada, incluíndo menús personalizados por circunstancias especiais (enfermidade, relixión…); así como de comprar, preparar, almacenar e distribuír os alimentos, achegar a menaxe precisa (pratos, culleres, garfos, vasos…) e a súa recollida (fregado, secado e almacenamento).

Poderán presentar a súa proposición todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan plena capacidade de obrar, non estean incursas en prohibicións de contratar e acrediten a súa solvencia económica. financeira e técnica ou profesional. Na súa decisión, o Concello de Brión valorará a oferta económica, a relación de persoal que se adscribe ao servizo, a relación de medios auxiliares que se compromete a achegar á realización dos traballos e o programa de traballo para a prestación do servizo.

16 de xaneiro de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.