Brión porá en marcha unha rede de solidariedade veciñal para cubrir as necesidades básicas
O Concello de Brión amplía o seu programa “Brión Solidario” e vén de poñer en marcha unha rede de solidariedade veciñal para cubrir as necesidades básicas máis aló das alimenticias. “Roupa, material escolar, libros, menaxe, mobiliario básico…. moitas familias de Brión vense imposibilitadas á hora de adquirir estes artigos e, por outro lado, a todos nos pasou algunha vez que queremos desfacernos desas cousas que xa non nos fan falta pero que aínda están en bo uso. Se acadamos un acordo, podemos solucionar ambos problemas”, explica Xosé Luís García, alcalde de Brión.
Deste xeito, o obxectivo da Rede Brión Solidario é crear e manter unha cadea de solidariedade, establecendo unha ponte entre doantes e familias con necesidade, garantindo en todo momento o anonimato de ambos. Así, os veciños que participen axudarán a paliar a pobreza e a exclusión social no seu entorno inmediato, garantindo que as cousas que doan sirvan para paliar necesidades reais, valoradas polos profesionais dos Servizos Sociais de Brión, e que chegan realmente ás persoas que o necesitan e de xeito totalmente gratuíto, sen ningún tipo de interese comercial ou económico.
Como participar
As persoas interesadas en pertencer á Rede Brión Solidario poden dirixirse aos Servizos Sociais de Brión, no centro social polivalente, onde existen follas de rexistro nas que só é preciso indicar os datos persoais e un correo electrónico de uso habitual. A este e-mail enviaranse de xeito periódico mensaxes detalladas acerca das necesidades concretas detectadas, mencionando con exactitude que artigo se precisa e en que prazo é necesario cubrir esa necesidade.
“Ningunha persoa pertencente á rede solidaria adquire compromiso algún de participación. So se participará doando aqueles artigos que nun momento concreto se soliciten, sempre que a persoa colaboradora dispoña de tal artigo, poida e desexe achegalo”, explica Xosé Luís García, quen anima aos veciños e veciñas a participar nesta iniciativa solidaria xa que “non require un gran esforzo e tampouco desembolso económico ningún”.
As persoas que desexen inscribirse como pertencentes á rede solidaria deberán ter cumpridos os 18 anos, ou 16 anos con autorización paterna/materna. Isto non quita que os menores decidan doar nun momento dado aquelas cousas que xa non precisan (xoguetes, roupa, libros…), pero terán que facelo a través dos seus pais ou titores pertencentes á rede.
Xosé Luís García amósase convencido de que a iniciativa terá éxito xa que “Brión é sen dúbida un concello solidario. Durante as pasadas campañas de recollida de alimentos, brioneses e brionesas de todas as idades e condicións demostraron que estamos preparados para afrontar solidariamente as carencias de quen máis o necesita. Grazas á solidariedade veciñal, coidamos que non houbo en Brión ningunha familia que quedara sen celebrar o Nadal nos últimos dous anos”.











