Brión mellora o servizo de saneamento no Cabo coa instalación dunha estación de bombeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión mellora o servizo de saneamento na localidade de O Cabo, parroquia de Os Ánxeles, coa instalación dunha estación de bombeo e impulsión de augas residuais. Unha obra que supuxo un investimento de 21.500 euros, que foron financiados pola empresa Espina e Delfín ao estar incluída no contrato de xestión do servizo público de saneamento en Brión, baixo a modalidade de concesión, gañado pola devandita empresa a mediados de 2012.

A rede de saneamento de Brión tense máis que duplicado nos últimos dez anos. Coa incorporación desta nova estación de bombeo no Cabo xa son 17 as presentes no municipio: A Graña, Nináns, Ombre, Mourentáns, Cantelar, Bastavales, Chave de Carballo, Chave da Ponte, Beca, Gándara, Gosende e Perros; así como dúas estacións en Gundín, outras tantas en Brans de Abaixo e a nova estación do Cabo. A maiores, a rede de saneamento brionesa conta con seis estacións depuradoras de augas residuais (Busto de Frades, A Graña, Moldes, Vioxo de Arriba, Vioxo de Abaixo e Ombre) e dez fosas sépticas (Goiáns, Pousada, Vilar, Pazos, Salaño Pequeno e Salaño Grande; así como dúas unidades en Ons de Abaixo e en Romarís).

Entrada en servizo en Nináns

Por outra banda, o Concello de Brión vén tamén de poñer en funcionamento a segunda fase do saneamento de Nináns, na parroquia da Luaña. Estas obras, realizadas con achegas da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Brión, foron rematadas a finais de 2012 (cunha última achega municipal de 6.000 euros para as obras de enlace e acometida no bombeo aprobada no pleno de outubro de 2012). Agora, Unión Fenosa vén de subministrar a electricidade á estación de bombeo para que poda entrar en funcionamento

22 de xaneiro de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.