BNG, PP e PSOE aproban en San Sadurniño unha moción en contra da reforma da lei do aborto
O primeiro pleno do ano en San Sadurniño veu cargado de asuntos de corte máis político que executivo. De feito, a primeira parte da sesión liquidouse en menos de cinco minutos dándolle paso despois ao debate de catro mocións presentadas polo BNG. Os nacionalistas sacáronas todas adiante co apoio do PSOE mentres que o PP se abstivo en dúas, votou en contra noutra e, malia a postura popular a nivel autonómico e estatal, apoiou as teses do Bloque en contra da reforma da lei do aborto.
Esta foi a única sorpresa salientable dun pleno que durou xustamente unha hora e no que se debateron temas de máxima actualidade tanto en Galicia como no resto do Estado. Así, a primeira moción do BNG centrábase na suba do canon de SOGAMA, cifrada polo voceiro nacionalista Suso Soto nun 33%. O edil explicou que este incremento suporalles aos municipios pasar de pagar 67 euros por tonelada de lixo a algo máis de 90 e que a suba se debe “ás perdas da sociedade” que, segundo Soto, “en vez de derivarse ás ganancias de Gas Natural -accionista canda á Xunta en SOGAMA- van parar aos petos da xente”. O Bloque solicitaba na moción aprobada co apoio do PSOE e a abstención do PP que a Xunta modifique os seus orzamentos para deixar sen efecto a medida que, en calquera caso, en San Sadurniño non se vai aplicar. Sinalou ademais que o modelo de xestión do lixo baseado no soterramento e a incineración “non é o acaído ao noso país” e por iso tamén insta ao goberno autonómico a que se aposte por outros sistemas apoiados na reciclaxe e na compostaxe. O PSOE mostrou a mesma postura agardando, ademais, “que a Xunta rectifique”.
O voceiro do PP, Plácido López, abriu a súa intervención asegurando que non estaba “nin a favor nin en contra da moción” e criticou que PSOE e BNG se opuxesen á suba cando, a nivel autonómico, terían aceptado que o canon se incrementase un 17%. O alcalde rebatiu a afirmación de López asegurando que a suba “é inmoral” e explicando que a negociación coa Xunta por parte da FEGAMP e os partidos da oposición buscaba que o incremento se adiase ata o mes de xuño, o que suporía de facto que no total do ano o aumento quedaría nesa porcentaxe media e non no 33% que a Xunta vai levar adiante. Secundino García dixo, ademais, que o incremento “é unha manobra do PP” que pecha a posibilidade da insubmisión baixo a ameaza de descontarlles parte dos cartos do Fondo de Cooperación Local a aqueles concellos que decidan non pagar o sobrecuste de SOGAMA.
Bases do novo DTC provincial
A segunda moción presentada polos nacionalistas ocupouse dos criterios polos que se rexerá a concesión de axudas aos municipios por parte da Deputación da Coruña con cargo ao Plan DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos”, cifrado en 65 millóns de euros. Para o Bloque o programa ten “unha literatura semellante á do POS pero cambia os criterios de reparto” con respecto ao plan de obras e servizos, dándolle prioridade aos municipios “cun maior esforzo fiscal”, entre os que se encontran as tres grandes cidades: A Coruña, Santiago e Ferrol. Segundo os datos achegados polos nacionalistas estas cidades serán as maiores beneficiarias dos fondos provinciais en detrimento “doutros concellos máis pequenos”. O BNG láiase de que os tres grupos políticos con presenza na deputación acordaron antes da aprobación do plan valorar aspectos como o avellentamento ou a dispersión da poboación. Aspectos que para o Bloque non se reflectiron na posterior distribución dos fondos que, a xuízo do grupo nacionalista, se debe “a unha intención de enfeblecer os concellos máis pequenos”. No debate, o BNG criticou duramente os “convenios astronómicos asinados constantemente coas grandes cidades” así como os “criterios clientelares” cos que o PP reparte os fondos provinciais.
Plácido López defendeu o labor do organismo provincial lembrando o orzamento co que contará o plan e sinalando que a Deputación “non se está portando mal con San Sadurniño”. Pola súa banda, Fernando Márquez dixo que as bases do DTC eran “discriminatorias” cos concellos rurais e reclamou que fosen “as mesmas que as do POS ou incluso mellores”.
A moción, na que se solicita que se apliquen para o reparto os mesmos criterios que no POS, saiu adiante cos votos favorables de BNG e PSOE mentres que o Partido Popular votou en contra.
Axudas para técnicos, conservatorios e escolas de música
O terceiro asunto presentado polo Bloque continuou cargando contra a xestión dos fondos provinciais por parte do PP, aínda que desta vez no tocante ás axudas para contratar técnicos de cultura e deportes ou para o mantemento de conservatorios e escolas de música e danza. A moción esixe o reparto de cantidades fixas e equitativas para cada municipio que, ao entender do BNG non se está cumprindo.
Suso Soto -que tamén é deputado provincial- presentou na sesión un cadro coas cantidades concedidas asegurando que entre os 40 primeiros concellos “hai 39 gobernados polo PP”. O portavoz do grupo de goberno foi máis aló e manifestou que nesa distribución incluso se estaban incumprindo as propias bases das subvencións. Puxo como exemplo que a escola de música do concello de Cee “percibirá 19.000 euros” cando, segundo Soto, as bases limitan a axuda máxima a só 10.000. O edil nacionalista puxo tamén como exemplo as axudas para a contratación de monitores deportivos: “os concellos do PP levan 7.500 euros e o resto menos de 6.000. É algo inexplicable e parece que se queiran rir de nós”.
Neste punto o PP non interviu agás para mostrar a súa abstención. O representante do PSOE manifestou que “non ten sentido que fagan unhas bases para non aplicalas despois” e que “unha Deputación así debería dimitir”. O alcalde puntualizou “máis que dimitir habería que suprimir a Deputación” mentres que o concelleiro de Cultura, Manolo Varela, criticou unha vez máis a distribución de fondos destinados á súa área: “a desfachatez e o caciquismo chega ata tal punto que o Concello levou 2.000 euros para toda a súa programación mentres que unha asociación veciñal á que o presidente da Deputación “vai largar o pregón” levou 3.000″.
Moción contra a reforma da lei do aborto
O pleno abordou en último lugar a moción do BNG na que se rexeita a modificación da lei do aborto aprobada polo Consello de Ministros e pendente de entrar en trámite parlamentario. Mari Carme Muíño argumentou que se trata dunha norma “máis restritiva que a do 1985” que o PP quere sacar adiante “con premisas falsas”. Muíño vaticinou que, de aprobarse, a nova lei do aborto “vai crear unha fenda social entre as mulleres e só poderán decidir aquelas que teñan recursos para viaxar a algún país estranxeiro”. Ademais, para a concelleira a nova lei “tamén incrementará as prácticas de risco e clandestinas, xa que deixa no desamparo a moitas mulleres con escasos recursos”.
O texto da moción insta á Xunta a que se posicione en contra da lei e que reclame en Madrid o mantemento da norma de 2010. Pide tamén que organismo autonómico garanta o dereito das mulleres en toda a rede de hospitais públicos e a que se inicien campañas de formación e información sobre métodos anticonceptivos que eviten embarazos non desexados e enfermidades de transmisión sexual. A este respecto, a concelleira nacionalista Mari Carme Muíño anunciou que o Concello porá en marcha a través da área de Igualdade a súa propia campaña informativa e de divulgación sobre a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
O PSOE sumouse á proposta do Bloque ao considerar que a lei “é un retroceso nos dereitos da muller”. O PP non interviu, aínda que á hora da votación os dous edís deste grupo presentes na sesión ergueron a man para expresar o seu apoio.
O pleno municipal rematou co apartado de mocións, rogos e preguntas. Só houbo preguntas formuladas por Fernando Márquez, quen se interesou polo estado de tramitación do PXOM, e polo futuro da escola do Eirexado agora que os traballos de rehabilitación como vivenda están practicamente rematados. Á primeira o alcalde respostoulle que o documento do planeamento se presentou na Xunta a comezos de decembro e que nos últimos días a empresa redactora achegou varias modificacións solicitadas pola administración autonómica. No referido ao futuro da escola, Secundino García dixo que se decidiría tan pronto como as obras finalicen, aínda que a intención do goberno local é vendela en vez de alugala “para poder continuar con outras actuacións”. Sobre a conveniencia ou non de allear bens de dominio público exposta polo PSOE, o alcalde lembrou que o propio PSOE “vendeu nos anos 80 as masas comúns forestais” que eran de titulariedade municipal e que o antigo grupo escolar de San Sadurniño converteuse en vivendas sociais “que se venderon”. O voceiro socialista tamén preguntou polo estado dunha solicitude do expediente da Cooperativa de San Sadurniño que, segundo dixo, aínda non lle fora facilitado. O alcalde indicoulle que ese expediente estaba á súa disposición desde uns días despois de presentar a solicitude e veu dicirlle ao concelleiro socialista só tiña que pasar recollelo.











