Bembrive gaña o V Concurso de Rondallas da Deputación de Pontevedra ante 12.000 espectadores no Ifevi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Certame de rondallas

Certame de rondallas

A rondalla de Bembrive fíxose esta noite co primeiro premio do V Concurso Provincial de Rondallas, organizado pola Deputación de Pontevedra, ante máis de 12.000 persoas que abarrotaron o IFEVI. O premio, de 2.100 euros, foi entregado polo vicepresidente da Deputación José Manuel Figueroa e pola deputada provincial Marta Iglesias, que acudiron acompañados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e polos alcaldes do Porriño, Nelson Santos, de Gondomar, Fernando Guitián, e de Nigrán, Alberto Valverde.

O segundo premio, cunha dotación económica de 1.800 euros, recaeu na rondalla Santa Eulalia de Atios, do Porriño; en terceira posición situouse a rondalla Pontellas, tamén do Porriño, que obtivo 1.500 euros.

Galiñeiro de Vincios acadou o primeiro premio de abandeirados, dotado con 400 euros; en segunda posición colocouse Valladares e o terceiro posto foi para Santa Eulalia de Atios.

O resto das rondallas recibiu 1.300 euros cada unha en recoñecemento á súa participación.

O concurso de rondallas da Deputación bateu este ano o récord de participación con 13 grupos no concurso e 1.164 integrantes, cunha media de idade inferior ós 28 anos; tres das rondallas estaban compostas por un total de 120 membros.

A masiva afluencia de público, que chegou dos distintos concellos da provincia, mantivo unha máxima tensión entre os rondallistas, que este ano presentaron coreografías moi traballadas e ensaiadas con intensidade durante os últimos meses.

Os campións do mundo de baile, o grupo Media Punta, de Bouzas, amenizaron a xornada, como artistas convidados, durante a deliberación do xurado.

O xurado estivo formado pola deputada Marta Iglesias, en representación do presidente da Deputación; o director da Banda Unión Musical de Coruxo, Francisco Abal; o director da Escola de Gaitas da Deputación, Hipólito Cabezas; o mestre de Gaita da Escola da Deputación, Adrián Rivas; Camilo Pais Martínez, da Federación Recreativa de Peñas El Olivo; o director da Asociación Folclórica Lembranzas Galegas, Emilio Sotelino; e o xefe de Servizo da Deputación en Vigo, Julio Vázquez, como secretario.

12 de xaneiro de 2014 | 20:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.