Beatriz Mato apunta á formación continua para a mellora da empregabilidade
A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 400.000 euros para financiar 19 accións formativas organizadas pola Confederación de Empresarios da Coruña. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, entregou hoxe os diplomas aos máis de 600 alumnos que participaron nestes cursos dirixidos a persoas ocupadas.
Na súa intervención, Mato indicou que a Consellería segue a reforzar a aposta pola formación continua e de calidade orientada ás verdadeiras demandas do mercado laboral. Este esforzo inscríbese na aposta global do departamento pola formación en todas as súas vertentes. Neste sentido lembrou os 26,4 millóns de euros para a orde de cursos para desempregados impartidos por entidades acreditadas, como a Confederación de Empresarios da Coruña; os 3,9 millóns de euros destinados a accións formativas nos centros propios; ou os 3,2 millóns para accións formativas en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Beatriz Mato explicou que neste mes xa se teñen iniciado estes tres procedementos para destinar un total de 33,5 millóns de euros á formación para o emprego e que vai posibilitar a celebración de máis de 700 cursos, que terán máis de 10.500 alumnos como beneficiarios. Unha cifra que se refire só a unha parte da formación deste ano, xa que ao longo do 2014 convocaranse outras actuacións na materia, como a formación para ocupados ou iniciativas dirixidas especificamente aos mozos e mozas.
Por último, a titular de Traballo destacou a importancia da formación porque incrementa significativamente as posibilidades de mellorar e seguir a medrar no mercado laboral, ademais de mellorar a empregabilidade dos traballadores; así como agradeceu a colaboración de entidades como a CEC para poder levar a cabo estas iniciativas.











