Baiona acollerá o plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

Rueda na reunión en Oporto
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta mañá en Oporto co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Emídio Gomes, para ultimar os acordos que se ratificarán no X plenario da Comunidade de traballo Galicia- Norte de Portugal, que se celebrará o vindeiro 27 de xaneiro en Baiona.
Na reunión, avanzouse na definición de prioridades e obxectivos comúns do Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión para o período 2014-2020, unha planificación estratéxica que se centra na importancia de concentrar recursos e na aposta pola innovación e o emprego, en consonancia coas estratexias de especialización intelixente RIS3.
No encontro, tanto o vicepresidente da Xunta coma o presidente da Comisión Rexional do Norte coincidiron na necesidade de traballar xuntos para lograr a máxima captación de novos fondos europeos e, deste xeito, avanzar na cooperación a ambos lados da fronteira.
Alfonso Rueda lembrou que Galicia e o Norte de Portugal traballan xa desde hai tempo en proxectos de cooperación transfronteiriza e contan con relacións económicas cada vez máis sólidas. Con todo, salientou que hai que estar preparados para aproveitar as vantaxes que ofrece o novo escenario orzamentario europeo, polo que é imprescindible analizar todo o potencial de desenvolvemento entre as dúas rexións.
Neste sentido, identificaranse as principais áreas de desenvolvemento de cooperación territorial para executar os proxectos financiados con cargo aos fondos 14-20, co obxectivo de evitar duplicidades e buscar que cada investimento produza a maior eficiencia posible en termos de emprego e de competitividade da economía.
‘Iacobus’, o Erasmus eurorrexional
Outro dos puntos que se están ultimando é a posta en marcha dun modelo de Erasmus entre Galicia e o Norte de Portugal -o ‘Iacobus’- , que fomentará o intercambio e a mobilidade de estudantes a ambos lados da fronteira, e que está previsto que nun futuro se poda estender a profesores e investigadores universitarios.
Eurocidades Chaves-Verín e Tui-Valença
Así mesmo, o próximo Plenario deberá votar a inclusión das Eurocidades Chaves-Verín e Tui-Valença como novos membros deste organismo. A este respecto, ambos dirixentes manifestaron a necesidade de enfocar a colaboración cara á cooperación de proximidade. De aí seu apoio a iniciativas de institucións locais que se centran nos servizos máis próximos aos cidadáns, na converxencia institucional, económica, cultural e ambiental entre as cidades de ambos os dous lados da fronteira.
Presidencia lusa
Finalmente, Rueda e Gomes abordaron o traspaso da Presidencia da Comunidade de Traballo, que tras dous anos en mans galegas, pasará á parte lusa outros dous anos, quedando á fronte deste organismo o titular da CCDR-N, Emídio Gomes.











