Avícola O’tres de Ribadumia é unha das firmas beneficiadas polas axudas á modernización e innovación tecnolóxica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRibadumia
A-
A+
Cores Tourís na visita a Avícola O´tres

Cores Tourís na visita a Avícola O´tres

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a industria “Avícola O’tres S.L.” de Ribadumia, co obxectivo de coñecer a súa actividade, destacando a importancia económica do sector dos produtos avícolas en Galicia, e, en concreto, na provincia de Pontevedra.

Segundo apuntou o delegado territorial, que estivo acompañado nesta visita pola alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, así como polo xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, esta firma é unha das beneficiadas polas axudas que a Consellería acaba de facer públicas e que teñen como obxectivo o impulso da modernización e innovación tecnolóxica das empresas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais na provincia.

“Estas axudas”, explicou Cores Tourís, “cofinanciadas con fondos europeos Feader, permitiron aportar case 3,6 millóns a 50 empresas da provincia de Pontevedra dos sectores do leite, os produtos ecolóxicos, a madeira, o viño e a carne, como é o caso de O’tres”.

“Avícola Otrés” é unha industria que se dedica ao sacrificio e despece de polos. Fundouse da man de tres irmáns fai 46 anos, no 68, e foi modernizándose ano a ano, tendo, na actualidade, practicamente automatizado todo o proceso. A capacidade do seu matadoiro, segundo explicou o xerente, Marcelino Serantes, é de 18 toneladas cada oito horas, “cun rendemento actual de 9.000 polos nese mesmo período de tempo”. Anualmente comercializa entorno a 2.900 toneladas de canais evisceradas e despezado de polo.

En canto ao seu volume de negocio, a facturación de 2012 superou os 6,2 millóns de euros. Conta casi 50 traballadores, ademais de 36 familias de granxeiros e autónomos que colaboran coa firma. “A nosa empresa, grazas ao esforzo e o traballos de todos os que a conforman transformouse nunha das máis antigas e solventes da nosa comarca”, engadiu o xerente, quen destacou “que todo o anterior fai que sigamos a traballar para que os nosos produtos, como son o polo enteiro e o polo troceado, cheguen aos consumidor nas mellores condicións e como un produto que se diferencie dentro dos da súa rama”.

A empresa solicitou á Consellería de Medio Rural e Mar unha aportación económica de cara a posta en marcha de melloras tecnolóxicas nesta industria. Así, melloráronse as condicións ambientais na cadea de matanza e nas distintas salas desta empresa. Deste xeito, instaláronse 3 equipos de extraccións, 4 lavamáns de pé, 20 taquillas en vestiarios, levouse a cabo o cerramento en altura da sala de lavado de caixas, e forráronse os paramentos e o teito con PVC. O investimento global superou os 50.700 euros dos cales o 40 % foi aportado grazas a estas axudas da administración autonómica.

Segundo destacaron os responsables da empresa, dende 2009, a Xunta de Galicia aportou un total de 165.000 euros a esta empresa a través de diversas liñas de axudas. “De feito, estamos xa a traballar nun novo proxecto de mellora das instalacións para presentar na futura subvención da Consellería de Medio Rural e Mar”, rematou Marcelino Serantes.

28 de xaneiro de 2014 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.