As tres seleccións galegas femininas logran o triunfo na segunda xornada do Campionato de España
A segunda xornada do Campionato de España de Seleccións Territoriais foi boa para as seleccións galegas femininas, que lograron tres vitorias, mentres que os equipos masculinos non tiveron o mellor día (dúas derrotas e un empate). Mañá disputarase a última xornada do grupo e quedarán decididos os cruces.
Infantil feminino: Galicia, 21-Castela a Mancha, 18 (descanso, 10-8). Na primeira parte as galeguiñas saíron ao campo con moitas ganas pero cometeron algúns erros o que levou consigo ir por debaixo no marcador ata o minuto 23 onde empataron ás manchegas. E xa non abandonaron o mando do partido ata o descanso, ao que chegaron co marcador a favor (10 -8).
Na segunda parte as galegas saíron un pouco despistadas e volveu a igualarse o encontro. Pero un acertado cambio de defensa de 5-1 a un 3-3 permitiu ás galegas retomar o control do partido a partir do minuto 13 ata o final do partido.
Galicia: Begoña, Uxía Ferreiro, Fátima (3), María (1), Mía, Zara (4), Sara (1), Ruth (1), Sandra (3), Raquel (2), Paula (1), Uxía López (2), Elia (2), Andrea (1), Sarai e Julieta.
Mañá Galicia xogará contra a Comunidade Valenciana (13:00 horas), que é o líder do grupo con dúas vitorias.
Infantil masculino: Galicia, 27-Castela e León, 33 (descanso, 12-18). O combinado galego perdeu no segundo choque do torneo, despois dun magnífico debut. Fronte a Castela e León as perdas de balón foron decisivas na primeira metade, na que Galicia foi sempre por detrás e con amplas desvantaxes. Ao descanso, perdía por seis tantos. Na segunda parte, o conxunto galego mellorou e logrou poñerse a dous tantos de distancia (25-27, minuto 49), pero o resultado se disparou nos minutos finais.
Galicia: Veloso (5), Bruno (1), André (2), Martín (1), Andrés (1), Jose (5), Javier (2), Álvaro (3) e Jorge (2). Mañá xogará o terceiro partido contra Andalucía, líder do grupo con dous triunfos.
Cadete feminino: Galicia, 31-Melilla, 16 (descanso, 18-1). Vitoria do equipo galego nun partido intranscendente despois do partido de onte. Ao descanso Galicia gañaba 18-1, amosando unha vez máis a diferenza de potencial entre ambos conxuntos. Vitoria folgada malia que na segunda parte Galicia baixo a intensidade polo número de xogadoras tocadas debido aos contactos sempre tardíos das xogadoras de Melilla. Mañá (13:00 horas) partido crave polo ascenso fronte á Asturias, o equipo anfitrión, polo que aumenta o perigo.
Cadete masculino: Asturias, 31-Galicia, 25 (descanso, 15-13). O partido contra os anfitrións xa se presumía complicado para os galegos, e así foi. Na primeira metade, a alternancia no marcador foi a tónica xeral, para chegar ao descanso cun resultado de 15-13 para os asturianos. O comezo da segunda foi alentador para os galegos, que lograron empatar o partido en varios momentos (o último, 22-22, min 47), pero nunca logrou poñerse por diante. Ao final, os locais lograron escaparse no marcador con facilidade ( 31-25).
Mañá Galicia xogará o último partido do grupo contra Madrid (16:00 horas). Ambos conxuntos teñen unha vitoria e unha derrota, polo que será un choque decisivo para a clasificación.
Xuvenil feminino: Andalucía, 24 –Galicia, 32 (descanso, 13-15). Gran partido das galegas que, en todo momento, foron por diante no marcador. A igualdade reinou na primeira metade, con vantaxes curtas para as rapazas de Ismael Martínez (13-15, ao descanso). No segundo período, as galegas impuxeron o seu ritmo alto de balonmán. Cun ataque moi fluído e coa achega de todas as primeiras liñas o conxunto galego puxo unha diferenza no marcador de seis goles, que ao cabo sería definitiva. O traballo defensivo de todo o equipo foi clave para a grande actuación da porteira Sofía.
O último partido da fase de grupos será contra Cataluña (13:00 horas), outro duro rival. Ambas seleccións teñen dous puntos.
Xuvenil masculino: Galicia, 40-Cataluña, 40 (descanso 21-19). Empate con saber agridoce na segunda xornada de competición para o equipo xuvenil masculino. Galicia, que no sorteo quedou encadrado no “grupo da morte”, continúa invicta no torneo. O partido empezou sendo dominado por Cataluña pero rapidamente Galicia remontou o partido e dominouno ata que a falta de 5 minutos se volveu igualar (37-37, min. 24 da segunda parte). Finalmente malia ter o balón para gañar o partido, este rematou en empate (40-40). Foi un final moi similar ao de onte, aínda que nesta oportunidade Galicia non acertou ante a portería contraria.
O último partido do grupo será contra Castela e León (16:00 horas), que ten dous puntos.











