As seleccións galegas sénior e júnior de Taekwondo adestrarán con Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

As seleccións galegas sénior e júnior adestrarán mañá 1 de febreiro en Braga coa selección portuguesa como parte da preparación para o Campionato de España.

Os combinados galegos partirán mañá en autobús a primeira hora da mañá para adestrar pola mañá os equipos júnior masculino e feminino e pola tarde será o momento dos combates dos deportistas sénior. As e os deportistas irán acompañados polos seleccionadores Jesús Benito e Miguel Patiño (sénior) e Modesto González e Noelia Pérez (júnior).

O técnico Jesús Benito explicou que “é unha concentración de preparación do Nacional, fronte a Portugal, que ten un equipo bastante potente, que se proclamou hai pouco campión de Europa sub 21 e conta con deportistas moi interesantes”. Por exemplo, Mario Silva foi prata na Olimpiada xuvenil e Michel Fernandes logrou a medalla de prata no Mundial Júnior hai uns anos.

O equipo sénior masculino que viaxa a Braga está formado por 19 deportistas, mentres que o combinado galego júnior conta con 14 rapazas e 12 chicos. As seleccións galegas levan varias semanas adestrando e preparándose para a cita estatal. O Campionato de España Júnior celebrarase en febreiro e o sénior en marzo.

31 de xaneiro de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.