As seis seleccións galegas disputarán os cuartos de final do Campionato de España
Coa disputa da terceira xornada do Campionato de España de Seleccións Territoriais pechouse a fase de grupos e todos as seleccións galegas lograron clasificarse para os cuartos de final, que se xogarán mañá día 5 de xaneiro. No día de hoxe, hai que destacar o triunfo da selección cadete feminina, que tras superar a Asturias, logrou o ascenso de categoría (era o único equipo galego que xogaba a Copa de España). En total tres vitorias e tres derrotas, algunha moi dolorosa, coma a do conxunto xuvenil masculino.
Infantil feminino: C. Valenciana, 19-Galicia, 10 (descanso, 9-4). A selección galego tivo un pésimo inicio de partido contra as valencianas e non lograron estrearse no marcador ata o minuto 8. As galeguiñas fallaron moitos tiros a porta e ademais cometeron algún erro defensivo que foi ben aproveitado polo rival. Por outro lado hai que destacar o gran partido da porteira Begoña a cal destacou coas súas grandes e numerosas paradas.
Na segunda metade non cambiou o panorama e a medida que avanzaba o coque e aumentaban as diferenzas no marcador, as galegas caeron no desánimo e se multiplicaron os seus erros defensivos.
Galicia: Begoña, Uxía Ferreirro, Andrea, Fátima(2), Raquel (4), Zara (1), Julieta, Uxía López, María, Mía, Sara, Elia (2), Sandra (1), Ruth, Paula, Sarai.
Esta derrota supuxo que a selección galega ocupara o terceiro posto do grupo e mañá xogará contra Canarias (16:00 horas, Pavillón Quirinal, Avilés).
Infantil masculino: Galicia, 27-Andalucía, 29 (descanso, 12-14). O inicio do partido foi irresistible por parte de Galicia situándose 4-12 no marcador na metade da primeira parte, pero unha serie de precipitacións en ataque meten de novo Andalucía no partido cun parcial de 6-1 en só seis minutos. O descanso chega coa selección galega aínda por diante, iso si, cunha vantaxe pequena (12-14).
Na segunda parte todo cambiou. Andalucía saíu máis centrada no partido, e púxose por diante ao inicio, e os dous conxuntos xa foron toda a segunda parte igualados. Nos momentos claves, Galicia non soubo atacar á defensa andaluza e estes erros condenárono ao resultado final (27-29).
Na clasificación do grupo, Galicia foi terceiro e mañá enfrontarase nos cuartos a Madrid (11:15 horas; Vallobín, Oviedo).
Cadete feminino: Galicia, 31-Asturias, 30 (descanso, 12-11, final, 26-26). Partido moi bonito o vivido esta mañá entre Galicia e Asturias. No inicio do choque houbo continuos empates no marcador, ata que a partir do minuto 10 Galicia logra escaparse no marcador. Chegou a ter catro tantos de vantaxe no minuto 19 (9-5). Pero, o conxunto locatario foi recuperando a distancia ata deixar o marcador final do primeiro tempo en 12-11 favorable ás galegas. Na segunda parte houbo alternancias no marcador chegando a un 26-26 ao final dos 60 minutos regulamentarios. Na prórroga, máis do mesmo, e moita emoción nos trinta segundos finais nos que ambos conxuntos tiveron a posibilidade de gañar o choque: Galicia tiña balón para gañar e perdeuno, no contraataque as asturianas fallan e as galegas recuperan a posesión para, sobre a bucina, meter o gol da vitoria (31-30), conseguindo o ascenso. No conxunto galego cabe destacar a grande actuación de Noa Martín na portería.
Nos cuartos de final, Galicia cadete feminina xogará contra Madrid (13:00 horas, Centro Deportivo Juan Carlos Veiro, Langreo).
Cadete masculino: Galicia, 32-Madrid, 23 (descanso, 14-10). Trala derrota de onte, tocaba repoñerse hoxe contra unha boa selección como Madrid e Galicia respondeu recuperando o seu xogo rápido. O equipo de Emilio Pintos foi dende o minuto 1 por diante no marcador. A velocidade a a boa defensa foi a clave nesta primeira metade e así chegaron ao descanso con catro tantos de vantaxe. Na reanudación Galicia aguantou as acometidas de remontada dos madrileños, e ao final 32-23.
O conxunto galego, que rematou segundo do grupo A, xogará mañá os cuartos de final contra a Comunidade Valenciana (10:30 horas, Corvera).
Xuvenil feminino: Galicia, 26-Cataluña, 25 (descanso, 14-9). Grande partido o disputado polas rapazas xuvenís, no que só a relaxación final evitou un resultado máis avultado a favor das galegas. As catalás dispuxeron unha defensa mixta sobre a central galega Anthía dende o inicio de partido, pero as rapazas de Ismael souberon ler o partido perfectamente e atacar esta complicada defensa. Así, chegou o descanso con claro 14-9 para as galegas.
Na segunda metade, o seleccionador optou por ir rotando ás súas xogadoras máis castigadas tras tres duros partidos, pero isto non tivo un efecto negativo no marcador, xa que seguían con diferenzas de oito goles (20-12 (40′) e 23-15, no minuto 45). As galegas afrontaron os últimos dez minutos con seis goles de renda, e Cataluña foi á desesperada abrindo moito a defensa. Ao final, aproveitaron dúas exclusión galegas e reduciron sensiblemente a diferenza ata poñela a un gol, marcando o seu último tanto sobre a bucina (26-25).
Con dúas vitorias e catro puntos, a selección galega xuvenil feminina foi segunda de grupo e mañá enfrontarase en cuartos de final a Canarias (09:30 horas, Pavillón La Tejerona, Xixón).
Xuvenil masculino: Castela e León, 35-Galicia, 34 (descanso 19-21). Despois dun partido no que Galicia levou o control do xogo e do marcador dende o comezo ata o minuto 55, Castela e León conseguiu remontar e lograr o gol que lle daría a vitoria no minuto 59. Galicia, como xa sucedeu nos dous partidos anteriores, foi moi superior durante boa parte do choque, logrando cómodas vantaxes no marcador que lle permitían xogar sen angustia. Así foi en toda a primeira parte (que chegou a ir cinco goles arriba) e no inicio da segunda metade. A maior vantaxe foi de seis tantos (22-28, minuto 40). A partir dese intre, os galegos permitiron que o rival fose recortando distancias e chegase vivo e con opcións aos instantes finais do choque. Castela e León logrou poñerse por diante no marcador no último minuto, pero aínda quedaba un ataque para Galicia, que non foi quen de aproveitar esta última oportunidade
Esta derrota deixou á selección galega no terceiro posto do grupo con tres puntos e mañá xogará contra Andalucía (11:15 horas, Palacio dos Deportes, Xixón).











