As próximas obras do POS en Vilagarcía inclúen o arranxo dos baños da praza da Peixería e tres actuacións na rede de saneamento
O Concello vén de obter financiamento para a realización de tres obras de mellora na rede de saneamento e recollida de pluviais, así como para a rehabilitación dos baños da Praza da Peixería que se executarán proximamente a través do Plan de Obras e servizos da Deputación. O organismo provincial confirmou esta semana a concesión das subvencións que suman un investimento de 97.628 euros.
Pese a tratarse de obras pequenas, a súa realización suporá unha notable mellora tanto no funcionamento dos servizos de saneamento e recollida de pluviais de puntos onde se rexistraban deficiencias ou certas problemáticas. A primeira destas tres actuacións é a Reposición de colector dun cauce de auga na Rúa Ensino, en Rubiáns, que ten un orzamento de 21.350 euros. Tamén se instalará unha estación de bombeo na Rúa Muiño Novo, por importe de 25.016 euros e se reporá un colector no barrio da Torre cun investimento de 24.234 euros.
A cuarta obra que se executará a través do POS é a reposición dos baños e vestiarios da Praza da Peixería, unhas instalacións que se atopaban en moi mal estado e que sen usan con frecuencia cando se celebran actuacións e actos culturais no céntrico recinto. Esta actuación conta cun orzamento de 26.528 euros.
A Deputación comunicou ao Concello que as catro obras aprobadas entran xa en proceso de licitación, polo que é de prever que a súa realización sexa inmediata.











