As posibilidades turísticas da costa coruñesa protagonizan a segunda xornada de Fitur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A provincia da Coruña contou hoxe, na segunda xornada da Feira Internacional de Turismo (Fitur) dedicada ao público profesional, con cinco presentacións no pavillón de Galicia. Arousa Norte, Ortigueira, Arteixo, Costa da Morte e Muxía foron as protagonistas dos diferentes eventos. A calidade, a accesibilidade, a oferta cultural, o turismo mariñeiro e náutico ou os recursos naturais foron algúns dos atractivos destes puntos de costa da provincia da Coruña que se resaltaron nas presentacións.

Así, a directora de Turismo de Galicia resaltou o traballo de sensibilización e os aspectos relacionados coa accesibilidade turística desenvolvido polo destino Arousa Norte. Ao tempo, incidiu nas potencialidades para o turismo de natureza e o turismo activo que se poden atopar en Arteixo, así como no reclamo nacional e internacional que supón xa o Festival Celta de Ortigueira, referente recoñecido como festa de Interese Turístico Internacional e que cada ano congrega a miles de persoas arredor deste evento musical.

De igual modo, a directora de Turismo realizou unha presentación relacionada coa Costa da Morte como un destino rico en experiencias con múltiples recursos, moi variados e de calidade, así como cun medio físico e unha natureza singular. Incidiu na importancia dos ecosistemas marítimos e a biodiversidade que atesoura, así como no gran patrimonio etnográfico, artístico e cultural do que dispón. As rutas de sendeirismo, as actividades relacionadas co turismo náutico e mariñeiro ou a práctica de deportes, así como a súa espectacular oferta gastronómica conforman un destino con gran potencial de desenvolvemento e de internacionalización.

Tamén a Asociación de Turismo Rural de Muxía realizou unha presentación que incidiu na calidade da  oferta de aloxamentos na zona. A este respecto, a directora de Turismo incidiu no feito de que Galicia sexa, despois de Andalucía, a comunidade con máis empresas certificadas coa Q de Calidade Turística. As empresas turísticas galegas obtiveron neste 2013 un total de 249 distintivos Q de Calidade Turística, dúas máis que no balance do ano anterior.

As presentacións da provincia contaron tamén coa presenza da delegada territorial da Xunta, Belén Do Campo, destacou o potencial turístico da provincia da Coruña, “pois conta con importantes reclamos como a súa xente, unha enorme riqueza paisaxística natural,  importante patrimonio arquitectónico e unha gastronomía excepcional”.

Do Campo reiteroulle aos alcaldes aos que acompañou durante a súa presenza en Fitur todo o apoio da Xunta de Galicia para seguir impulsando o crecemento turístico dos seus municipios e para coordinar aquelas estratexias que permitan convertelos en referencia do turismo de calidade. Neste sentido, avogou por incrementar a colaboración entre as administracións para poñer en valor os recursos que ofrecen os xeodestinos.

23 de xaneiro de 2014 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.