As obras de mellora na travesía da Laracha, nas que se invisten 234.000 euros, concluirán en marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas concluirá no mes de marzo as obras de mellora da Travesía da Laracha (AC-552), unha actuación na que o Goberno autonómico está a investir 234.179 euros. A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá o municipio para dar conta destes traballos, acompañada polo alcalde, José Manuel López, e polo xefe territorial da consellería, José Antonio Álvarez.

Do Campo recordou que a actuación nesta estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia mellorará as condicións nunha vía que na actualidade soporta un volume de tráfico considerable debido á presenza comercial e empresarial na zona. Ademais, ata o de agora presentaba determinados riscos para a poboación xa que era unha zona sen senda peonil, e polo tanto con perigosidade para os viandantes.

Así, explicou a delegada territorial, o resultado do proxecto conlevará unha mellora da seguridade viaria na Travesía da Laracha, prolongando a zona de tránsito peonil no núcleo da Laracha, tanto ao inicio como na súa parte posterior. Os traballos dividíronse en dous tramos: o que vai do punto quilométrico 20+035 ao 20+340, que xa se atopa prácticamente rematado, e outro entre os quilómetros 21+220 e 21+550, que quedará concluído antes da primavera. En total, os dous treitos reparados suman 635 metros de lonxitude.

As obras executadas consisten na pavimentación da calzada, mellorando así a capa de rodadura de vehículos, a ampliación do ancho das beirarrúas existentes e dos aparcadoiros, a execución de novos treitos de beirarrúas, a instalación dunha nova rede de iluminación pública, e a sinalización horizontal e vertical das vías.

“Esta actuación beneficiará a case 12.000 habitantes do concello da Laracha”, indicou a representante do Goberno galego na provincia, quen comentou que a execución deste proxecto demostra o compromiso do Executivo galego coa comarca. “Deste xeito estase a avanzar no cumprimento dos obxectivos marcados para a mellora da rede viaria da provincia, de forma que se proporcione aos usuarios unha forma de condución cómoda e segura”, apuntou.

Cos traballos levados a cabo na AC-552, incrementarase a seguridade, e por tanto reduciranse os sinistros, e facilitaranse os desprazamentos, coa finalidade de favorecer un desenvolvemento económico e social que proporcione unha maior calidade de vida aos veciños e veciñas do contorno.

16 de xaneiro de 2014 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.