As obras da depuradora do Grove estarán finalizadas este verán
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, adiantou que as obras da depuradora do Grove estarán rematadas este verán. Este anuncio foi avanzado tras a visita ás obras que realizou esta mañá, onde comprobou que a depuradora se atopa ao 70% da súa execución. Hernández estivo acompañado polo alcalde da localidade, Miguel Ángel Pérez, polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez.
Recordou que a necesidade desta infraestrutura hidráulica que se licitou por un importe de máis de 8 millóns de euros está xustificada, dado que a depuradora actual está obsoleta. A actuación beneficiará aos máis de 11.000 habitantes deste concello pontevedrés, así como á poboación que elixe esta vila para gozar dos meses do verán, período no que se multiplica o número de residentes. Na actualidade, estanse a rematar os traballos para a impulsión da auga á Edar e a obra civil está case finalizada.
A capacidade da nova instalación é de 40.000 habitantes equivalentes, o que se corresponde cun caudal de deseño de 415 m3/h por hora.
As obras implican a construción dunha nova estación de bombeo no actual edificio de pretratamento (3 bombas de 7,5KW+1 de reposto); dun novo tramo de impulsión entre o antigo pretratamento e Terra de Porto, e dun novo pozo de bombeo neste mesmo lugar.
Tamén se construirá un novo tramo de impulsión entre Terra de Porto e o seguinte treito de colector por gravidade, así como o colector de entrada á EDAR.
Mellora das rías: actuacións prioritarias
Hernández destacou que “esta infraestrutura supón unha mostra e un paso máis do compromiso do actual Goberno co saneamento das rías”.
O conselleiro argumentou que esta aposta polo saneamento das rías queda reflectida en moitas actuacións, como a posta en marcha da Edar do Umia a finais de 2013, cun investimento de 7,7 millóns de euros.
Hernández lembrou o esforzo realizado na ría de Arousa, que supuxo mobilizar un investimento en obras que están rematadas ou en execución de 56 millóns de euros, dos que 36 millóns corresponden á Xunta; e que no conxunto das rías galegas ese investimento ascende a 457 millóns (un 60% aportado pola Xunta) só nos últimos cinco anos. Engadiu que este orzamento ten máis valor no momento económico actual, dado as dificultades, pero responde a unha necesidade e á política de priorización do gasto que ten a actual Xunta: as actuacións que permitan mellorar o estado das rías sempre serán prioritarias.
Explicou que parte deses investimentos permitiron poñer en servizo un total de 34 depuradoras dende o ano 2009, esforzo que se manterá ao longo deste ano coa posta en servizo das depuradoras de Ferrol, Corrubedo, San Cibrao en Cervo, xunto coa do Grove; mentres que un ano despois farano as de Vigo, Malpica, Ribeira e Gandarío. Destacou tamén hai que ter en conta que están comezando as probas as edares de Chanteiro (que darán servizo a Ares, Mugardos e Fene) e Esteiro (para Muros).
En resumo, na actualidade funcionan en Galicia 152 estacións depuradoras. Así mesmo, o litoral galego conta con 73 depuradoras das augas que afectan directa ou indirectamente ás rías, cunha capacidade total de tratamento de 2,2 millóns de habitantes. No ano 1989 non existía ningunha EDAR no litoral.
Tamén citou o Plan de Saneamento da Ría de Arousa, do que se está a ultimar a redacción do estudo da marxe esquerda (O Grove- Meaño, Vilanova– Cambados e Vilagarcía- Catoira) e do que xa se levou a cabo unha primeira análise e planificación para a marxe dereita.











