As melloras na praza de abastos de Redondela permitirán impulsar o comercio de proximidade local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que as melloras realizadas na praza de abastos de Redondela suporán un novo impulso ao comercio da localidade pontevedresa, converténdoo nun espazo máis moderno e funcional e máis atractivo para a apertura de novos negocios.

O conselleiro, acompañado pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o alcalde redondelán, Javier Bas, visitou esta mañá o mercado, no que se realizaron remodelacións na estrutura física e nas instalacións comunitarias, conseguindo tamén reducións no consumo enerxético e na xeración de residuos, cun investimento total de máis de 170.000 euros.

Conde subliñou que o sector comercial é unha prioridade para a Xunta, que durante este ano incidirá en aspectos fundamentais para mellorar a súa competitividade como o emprendemento, a innovación ou o relevo xeracional, así como a potenciación da cooperación e o asociacionismo. Neste último eido, vénse de abrir unha nova convocatoria dotada con 2,2 millóns de euros destinada a potenciar o papel dos centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos.

Do mesmo xeito, o conselleiro resaltou que neste 2014 se vai continuar traballando en colaboración cos concellos na potenciación das prazas de abastos, un eido ao que se destinarán máis de 4 millóns de euros, e que permitirá seguir avanzando na súa consolidación como líderes na venda de produto fresco e de calidade, así como avanzar na posta en marcha dunha Rede Galega de Mercados de Abastos Excelentes.

“Sen dúbida as melloras realizadas nesta praza de abastos de Redondela permítennos avanzar cara esta meta”, asegurou o conselleiro, quen resaltou o apoio ao comercio de proximidade redondelán por parte da Xunta. Nos últimos cinco anos, lévanse destinado máis de un millón de euros ao sector no concello, incidindo en eidos como a renovación das infraestruturas comerciais, impulsando melloras na rúa Ernestina Otero, na que se atopa o mercado, ou do próximo Paseo da Xunqueira, así como no apoio ao centro comercial aberto.

24 de xaneiro de 2014 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.