As deputacións de León e Ourense colaboran na creación dun proxecto de turismo sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurense
A-
A+

As deputacións de Ourense e León colaboran nun proxecto que ten como obxectivo poñer en valor o turismo sostible, potenciar o emprego xuvenil e favorecer a creación de “empresas verdes”, vencelladas co medio ambiente, o co turismo accesible, ecolóxico e sostible. O proxecto, denominado “Empleaverde” está financiado polo Fondo Social Europea a través da Fundación Biodiversidade, coa colaboración das deputacións de Ourense e León.

Así se detalla no compromiso que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en calidade de presidente do Inorde, asinou para o desenvolvemento deste proxecto, cuxa finalidade é a realización de actividades para a profesionalización e creación de emprego no ámbito do turismo sostible e de natureza.

O programa “Empleaverde” consta de seminarios estudos, actividades de formación e publicacións, que conforman un plan estratéxico en favor do desenvolvemento turístico sostible en espazos protexidos das provincias de Ourense e León. Esta colaboración entre ámbalas dúas administracións públicas permitirá levar a cabo en Ourense dous seminarios: un sobre a Carta europea de turismo sostible e outro sobre Gastronomía, para debater sobre produtos autóctonos e de tempada (castaña, pataca, setas e horta) e turismo gastronómico.

Tamén se realizarán estudos sobre o Camiño Mozárabe, Vía da Prata, eixo vertebrador e dinamizador do turismo, e sobre a Vía Nova –Vía XVIII de Antonio-, que une Ourense e León.

En canto á formación, o programa inclúe as seguintes accións formativas: Como crear valor engadido para os produtos autóctonos, transformación e gastronomía; Espazos protexidos e aproveitamento e posta no mercado de produtos turísticos sostibles, e unha acción formativa sobre a Carta europea de turismo sostible. Finalmente, dentro do marco do programa, elaborarase como publicación unha guía de boas prácticas en espazos protexidos (reservas da Biosfera, parques nacionais, LINCS, Zepas, etc.).

18 de xaneiro de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.