As comisións previas ao pleno de Ames abordarán unha modificación de crédito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames celebrará o vindeiro venres, 24 de xaneiro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario. De cara ao venres, convocouse a comisión informativa de Economía na que se tratará a aprobación dun expediente de modificación de crédito co obxectivo de dotar á Policía Local de Ames de dous vehículos equipados para o desempeño das súas funcións. A previsión que manexa o Goberno é adquirir outros dous novos coches patrulla no ano 2015, renovando así o parque móbil da Policía municipal. Nesta mesma comisión tamén se abordará a revisión anual de prezos do contrato de limpeza viaria e xestión do punto limpo do Concello de Ames.

Este venres tamén se celebrará a comisión de Persoal, Servizos, Reforma Administrativa e Seguridade Cidadá, na que se abordará a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello. Este regulamento foi elaborado e consensuado no marco dunha comisión creada ao efecto e na que estiveron representados o Goberno municipal e a oposición.

Actualmente, a Policía Local de Ames conta con catro vehículos patrulla para o desempeño das súas funcións, dos que tres teñen superado os dez anos de antigüidade e necesitan ser substituídos tanto por cuestións de operatividade do servizo, como para mellorar a seguridade dos funcionarios e reducir o impacto medioambiental dos vehículos. A isto hai que engadir a necesidade de minorar os gastos de mantemento.

Co estes obxectivos, o Goberno amiense propón unha modificación de crédito para destinar 50.000 euros á compra de dous vehículos, algo que non se producía desde 2006. A isto únese o obxectivo do Goberno de adquirir outros dous coches patrulla para a Policía Local no ano 2015, renovando así o parque móbil da Policía.

Esta renovación xa se pretendeu a principios do ano 2013 a través da fórmula do renting de dous vehículos, procedemento que quedou deserto. Desde entón, mudaron as condicións, polo que neste momento semella posible adquirir os vehículos en propiedade. Segundo os cálculos realizados polos servizos económicos do Concello, esta opción implica un aforro considerable ao longo dos anos. De feito, nun período de oito anos o aforro para o Concello sería de máis do 58%.

Regulamento do servizo de abastecemento e saneamento

Nas comisións informativas previas ao pleno de xaneiro tamén se abordará a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello de Ames. Este texto foi consensuado polo Goberno e a oposición no marco dunha comisión constituída con este fin.

Actualmente, estase estudando o sistema de prestación do servizo de abastecemento e saneamento (xestión directa ou indirecta), e procedía, tal e como recomendan os servizos de Secretaría e Intervención, a elaboración e aprobación dun regulamento que establecera o réxime xurídico aplicable na prestación do servizo e nas relacións entre usuarios/usuarias e a prestadora do mesmo, dando cumprimento ás esixencias e necesidades municipais para ofrecer un mellor servizo ós cidadáns de Ames.

No regulamento, composto por 132 artigos, establécese que o servizo de abastecemento e saneamento seguirá ostentando, en todo momento, a condición de servizo público municipal, sen prexuízo da forma de xestión que finalmente se aprobe.

Prezos do contrato de limpeza viaria

Na comisión de Economía tamén se abordará a revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e xestión do punto limpo. Esta revisión foi solicitada pola empresa concesionaria no pasado mes de decembro, tal e como se recolle no contrato asinado en 2006.

22 de xaneiro de 2014 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.