As bibliotecas de Ames foron empregadas por máis de 48.500 persoas ao longo de 2013
O balance que se pode facer do servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Ames durante o pasado ano é máis que satisfactorio. O número de persoas que empregan estas instalacións segue medrando e as bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro rexistraron ao longo de 2013 un total de 48.532 usuarios/as. Deste total, o 60% corresponde á biblioteca do Milladoiro e o 40% restante á de Bertamiráns. Ademais, durante o ano pasado fixéronse nestas instalacións un total de 22.351 préstamos. En total, nos últimos dous anos, o Concello investiu máis de 12.000 euros na adquisición de libros e DVD para os fondos das bibliotecas.
Os datos que se desprenden do balance feito polo servizo de bibliotecas municipais durante o ano pasado son moi positivos. Os veciños e veciñas amienses empregan cada vez máis as bibliotecas para achegarse á lectura e realizar actividades relacionadas como contacontos, obradoiros ou clubs de lectura.
Ao longo de todo o ano, a Concellería de Educación programou numerosas actividades nas bibliotecas dirixidas aos nenos e nenas. Nestas actividades infantís, entre as que destacan os contacontos e obradoiros, participaron en 2013 un total de 4.825 usuarios/as. Ademais, nos meses de verán, máis de 6.200 persoas, das que máis do 72% eran nenos e nenas menores de oito anos, empregaron o servizo de bibliopiscinas.
En canto ás actividades para adultos, na biblioteca do Milladoiro celebrase un club de lectura, no que cada quince días unha vintena de persoas se reúne para comentar as novidades literarias Tamén se leva a cabo un obradoiro de encadernación no que se imparten nocións para aprender a encadernar folletos, fascículos de revistas e para reparar libros vellos.
Ampliación de horarios e instalacións
A este balance contribuíron as melloras introducidas nas bibliotecas municipais ao longo de 2013. Unha destas melloras foi que desde o mes de maio de 2013 as bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro dispoñen dun horario máis amplo, que vai dende as 8:30 ata as 21:00 horas, de luns a venres, de xeito ininterrompido. As fins de semana as bibliotecas municipais abren os sábados, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Esta ampliación do horario das bibliotecas municipais tivo moi boa aceptación entre a veciñanza amiense. A ampliación do horario de apertura permitiu reforzar o servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro, especialmente na época de exames. Isto permite dispoñer da zona de estudos durante un horario máis amplo.
Xunto á ampliación do horario, tamén se están acometendo melloras nas instalacións das bibliotecas. Deste xeito, na do Milladoiro estanse rematando as obras de ampliación da biblioteca, que contará cun espazo máis amplo de zona de estudo. Así mesmo, na Casa da Cultura de Bertamiráns acondicionouse unha sala para zona de estudo, ampliando así os espazos existentes na biblioteca.
Contacontos en xaneiro
Co inicio do novo ano, as bibliotecas municipais de Ames continúan coa súa programación de actividades de animación á lectura. Ao longo deste mes de xaneiro, impartiranse varias sesións de contacontos, que están dirixidas aos nenos e nenas de máis de 3 anos. Os contacontos realizaranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido.
A temática dos contos correspondentes ao mes de xaneiro será o circo. As sesións de contacontos comezan o luns 20 de xaneiro no local social de Augapesada e continúan o martes 21 no de Bugallido. O mércores 22 de xaneiro tócalle a quenda aos usuarios/as da biblioteca municipal de Bertamiráns, mentres que o xoves 23 celebraranse na do Milladoiro. As sesións de contacontos comezarán en todos os lugares ás 18:00 horas.











