As asesorías psicolóxica e xurídica do CIM de Ferrol atenderon a 1.200 persoas durante o 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A concelleira de Igualdade do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, deu conta aos grupos municipais na Comisión informativa de Benestar celebrada a pasada semana da memoria de actividades das Asesorías Psicolóxica e Xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) correspondente ao ano 2013. Así, ao longo dos pasados doce meses, un total de 1.236 mulleres fixeron consultas a calquera destes gabinetes do CIM.

Durante o pasado ano a Asesoría Psicolóxica deste centro municipal realizou un total de 502 consultas, e 137 mulleres solicitaron cita por primeira vez neste servizo, o que supón un descenso nas cifras con respecto ao ano 2012 que eran 483 a totalidade das consultas e 148 as mulleres que pedían a súa primeira cita. Cómpre salientar que o CIM prestou atención non soamente a mulleres de Ferrol, que foron 97 durante o pasado ano, senón que tamén atendeu a cidadás de municipios veciños como Narón (22), Fene (5), As Pontes e Ares (3), ou Mugardos, Cabanas e Cedeira (2). Así mesmo, nos últimos anos obsérvase que existe unha notable diminución de usuarias inmigrantes debido ao retorno aos seus países de orixe ou á emigración ás grandes cidades. As franxas de idade de maior incidencia foron as comprendidas entre os 26 e os 35 anos -que se mantivo con respecto ao 2012- e os 46 e 55 anos, que se viu incrementada das 28 ás 34 mulleres. O perfil social e económico das usuarias do CIM, non ofrece en términos xerais variacións, xa que un alto porcentaxe de mulleres que acudiron ao CIM no pasado ano está en situación de desemprego, está divorciada ou solteira, e ten un nivel de estudios de primaria. Neste senso, é de destacar que nos últimos dous anos aumentaron as consultas de mulleres con nivel de estudios superiores. No que atinxe aos motivos de consulta coa Asesoría Psicolóxica, a de maior incidencia segue a ser a violencia de xénero, sendo un 60% das mulleres as que acudiron a este servizo por este motivo.

Asesoría xurídica

Ademais de Asesoría Xurídica o CIM tamén presta atención xurídica rexistrando un total de 734 consultas durante o pasado ano, o que supón 124 consultas menos que no ano 2012. Así mesmo, os novos expedientes iniciados ao longo do pasado ano tamén experimentaron un lixeiro descenso con respecto ao 2012, pasando de 213 a 189. Este servizo xurídico do CIM facilita a xestión de trámites de xustiza gratuíta ante o Servizo de Orientación Xurídica do Colexio de Avogados/as de Ferrol; solicitude de axudas periódicas para mulleres vítimas de violencia de xénero ante a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; prestacións ante a oficina do INEM; solicitudes de inclusión no programa de inserción laboral ou tramitación de dispositivos de seguridade para mulleres en situación de risco por malos tratos.

En canto ao perfil das usuarias da Asesoría Xurídica do CIM, a franxa de idade supuxo un lixeiro ascenso no número de usuarias menores de 30 anos, aínda que igual que no ano 2012 a maioría sitúase en idades comprendidas entre os 30 e os 40 anos. O número de mulleres xitanas non supón nin un 2 % do total das usuarias, circunstancia motivada pola gran dificultade da muller de etnia xitana para visualizar as situacións de violencia no ámbito doméstico, fundamentalmente polas presións do entorno familiar. Así, durante o pasado ano, houbo unha maior demanda de consultas relacionadas coa violencia doméstica, non propiamente contra a muller, senón con familiares do núcleo de convivencia e a maioría das consultas estaban relacionadas coa violencia de xénero na parella.

20 de xaneiro de 2014 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.