As actuacións de recuperación medioambiental en Cedeira e Ortigueira ascenderán aos 300.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCedeiraLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

A Xunta de Galicia destinou este ano preto de 300.000 euros á realización de varias actuacións de recuperación medioambiental e mellora do entorno nos concellos de Cedeira e de Ortigueira. Trátase dunha achega da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, analizou esta mañá o resultado dos traballos nestes dous municipios. Nunha reunión co alcalde de Cedeira, Luís Rubido, asinou a acta de conformidade para a concesión da subvención, que ascende a 102.377 euros.

Neste caso, as obras realizadas ao abeiro destes fondos consistiron en diversas actuacións para mellorar a eficiencia enerxética na localidade, como a instalación de fiestras interiores na biblioteca municipal para reforzar o seu illamento, a colocación dunha caldeira de biomasa na piscina do polideportivo da vila, así como a substitución do alumeado da pista, e a renovación do alumeado público na praza Sagrado Corazón co fin de reducir os custes eléctricos e os niveis de contaminación. Por último, os fondos destináronse tamén á adquisición dun vehículo eléctrico para a Policía Local.

A continuación, Do Campo visitou Ortigueira, onde acompañada polo rexedor, Rafael Girón, visitou os lugares nos que se actuou con estas axudas. O municipio recibiu no 2013, unha partida de 196.800 euros que lle permitiu crear unha área recreativa na zona do porto.

O novo espazo de esparexemento localízase nunha parcela, que ata o momento se atopaba desocupada, da intersección do malecón co antigo peirao e foi creado co fin de combinar actividades de ocio e xogos con actividades didácticas e educativas para dar a coñecer a ría de Ortigueira. Así, esta área conta agora cunha zona de xogos acuáticos, circuítos biosaudables e xogos deportivos, outra de descanso e observación dotada dunha pérgola de madeira, bancos e paneis informativos de carácter didáctico sobre a fauna e flora da ría, os seus recursos naturais e as súas proteccións, e outra de paseos peonís e zonas verdes.

Once municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que once concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal (A Capela, As Pontes, As Somozas, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman 616 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que sete deles dispoñen de máis de 80.000 metros de liñas de conexión. En total, recibirán algo máis dun millón de euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

20 de xaneiro de 2014 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.