Aranguren asegura que “con denuncias e querelas non vou deixar de airear as peculiaridades da investigación”
O avogado de Rosario Porto, José Luis Gutiérrez Aranguren, volveuse manifestar tranquilo ante a denuncia que presentou un sindicato da Garda Civil contra el. “Con denuncias e querelas non vou deixar de airear…, vou ser moi sutil na afirmación para evitar suspicacias -acoutou-, as peculiaridades desta investigación”, advertiu.
Á saída dos xulgados de Santiago de Compostela, tras a declaración do comisario xefe da Policía Nacional a petición da defensa da nai de Asunta -a nena que apareceu morta nunha pista forestal de Teo en setembro-, Aranguren insistiu en que non le “preocupan” esas denuncias e mostrouse “absolutamente convencido” de que actuou dentro da “legalidade” e en cumprimento do seu deber de defender a quen le “encomenda” un asunto “da gravidade” como é este.
“Dende logo, con denuncias e con querelas non vou deixar de airear as…, vou ser moi sutil na afirmación para evitar suspicacias, peculiaridades desta investigación”, insistiu.
O avogado de Rosario Porto remarcou, así mesmo, que a el se lle contratou para “defender” o seu cliente e “non” para defenderse a si mesmo e “perder o tempo” niso, polo que ratificou que contratará un despacho de avogados para que se encargue do seu caso particular.
A semana pasada, con motivo da declaración de familiares do terceiro imputado -o home cuxo perfil xenético se corresponde cunha mancha achada na camiseta da nena falecida-, Aranguren tamén asegurara que recibiu “centos” de apoios de compañeiros da avogacía.











