Apróbanse as obras de acondicionamento do acceso viario á estación da Susana en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o convenio modificado entre o Concello e ADIF para executar obras de acondicionamento e mellora das condicións de tráfico rodado do viario público que da acceso á estación da Susana (Marrozos) dende a estrada AC-960. ADIF investirá 52.530 euros na execución desta actuación, que ten un prazo de realización de catro meses dende a notificación do convenio. Este cambio deixa sen efecto o acordo adoptado na sesión do 16 de setembro de 2013, ao ter xurdido discrepancias sobre a titularidade do vieiro. Así, para evitar retrasos nesta actuación urxente, necesaria para a seguridade do tráfico rodado e peonil, suprímese a cláusula que indicaba que, terminadas as obras, ADIF procederá á súa entrega ao Concello para a súa incorporación ao dominio público, comprometéndose ADIF a mantelo en perfectas condicións de conservación mentres se realicen as actuais operacións de transporte intermodal na Susana. O resto do contido do convenio permanece substancialmente idéntico.

Nesta sesión, tamén se abordou o asunto do servizo de xestión das multas de tráfico do Concello de Santiago. A empresa adxudicataria, GRS ARC Local -que non chegara a prestar o servizo polo recurso da anterior adxudicataria e segunda clasificada neste concurso, CIS- solicitou a resolución do contrato por non poder executalo, ao estar en situación de concurso de acredores. Por isto e á vista do informe da Asesoría Xurídica, acordouse aceptar a renuncia da devandita adxudicataria e solicitar á segunda clasificada no concurso a documentación para que resulte a adxudicataria final. Esta última empresa é a que xa viña prestando este servizo.

Finalmente, aprobouse a proposta da Concellería de Xuventude para a realización do I Certame de Música SantiAutor para artistas noveis, co obxectivo de promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical dos novos cantautores. Os destinatarios son todos aqueles mozos e mozas de entre 16 e 35 anos que estean empadroados nalgún concello galego. O custo desta actividade será de 5.124 euros.

9 de xaneiro de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.