publicidade hoxe

Aprobado o plan de conservación do ENIL Puzo do Lago en Maside

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMaside
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o Plan de conservación do espazo natural de interese local (ENIL) Puzo do Lago, situado no Concello ourensán de Maside, que se converte no primeiro declarado definitivamente na provincia de Ourense e no terceiro en Galicia tras o ENIL de Xunqueira de Alba (Pontevedra) e Loio-Ruxidoira, no Concello de Paradela (Lugo).

O interese natural do ENIL Puzo do Lago radica na súa diversidade vexetal, con especies autóctonas que, xunto co resto de fauna, flora e patrimonio arqueolóxico, entre outros aspectos, configuran un conxunto paisaxístico de 30,60 hectáreas merecedor dunha protección especial que o ampare e o conserve, ademais de rexenerar os valores degradados pola actividade humana.

Entre os valores naturais deste espazo destacan unha lagoa artificial que representa un importante ecosistema de humidal conservador; a presenza da vexetación máis característica de Galicia, a carballeira atlántica; é unha área que presenta un alto valor arqueolóxico, ao albergar un exemplo de explotación mineira da época romana.

Tendo en conta todos os valores naturais, culturais, estéticos e científicos do lugar, o Goberno autonómico aproba este documento co fin de establecer un modelo de xestión que alcance os obxectivos de conservación e faga compatibles os usos tradicionais e públicos. Deste xeito, a través de directrices axeitadas, regularanse e harmonizaranse as competencias que realice a Administración, o uso privado, así como as distintas actividades que se desenvolvan dentro deste espazo natural.

As determinacións do presente Plan de conservación entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG e continuarán en vigor ata que non se revise o Plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso, na falta de modificacións excepcionais, deberá revisarse pasados 5 anos.

A figura do ENIL

A Lei de conservación da natureza (Lei 9/2001, o 21 de agosto) define os espazos naturais protexidos como aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debido á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

O espazo natural de interese local (ENIL) é unha das categorías en que se clasifican estes espazos naturais protexidos. A súa declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mentres que a xestión é responsabilidade municipal.

Baixo estas premisas, ata de hoxe xa foron declarados de xeito provisional na nosa comunidade autónoma catro ENIL: Illas de San Pedro no Concello da Coruña (A Coruña); Boutureira, en San Cibrao das Viñas (Ourense); o Río Gafos, en Pontevedra, e o Complexo Duna-Areal do Vao-Baluarte, no Concello de Vigo; e de xeito definitivo dous: Xunqueira de Alba e Loio-Ruxidoira, ao que se suma o ENIL de Puzo do Lago.

30 de xaneiro de 2014 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.