Aprobación inicial do PXOM de Cabanas
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Cabanas aprobou onte de forma inicial o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que en breve pasará a estar a disposición pública para que os interesados o poidan revisar e presentar no caso de consideralo oportuno as alegacións que consideren oportunas. Previsiblemente o documento pasará a ser público o próximo 24 de febreiro de 2014 e o prazo para a súa revisión será de dous meses, ate o 24 de abril. Os interesados en acceder ó documento poderano facer no Salón de Plenos do Concello Vello en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Ademais desta exposición pública, o Concello de Cabanas ten previsto levar a cabo unha serie de xuntanzas nos diferentes locais sociais do municipio para que deste xeito o equipo redactor do PXOM, a U.T.E. De Vega-Proyestegal, poidan explicalo e atender as dúbidas que se lles presenten. A primeira destas xuntas terá lugar no local da S.C.D.R. San Mamede de Laraxe o día 26 de febreiro. As seguintes serán na A.VV. de Lavandeira, o 27 de febreiro e no local do C.C.R.D. San Martín de Porto o 28 de febreiro. Tamén o local da A.VV. de Santa Cruz acollerá unha destas xuntanzas o día 7 de marzo e o propio salón de plenos do Concello será escenario de dúas delas, a primeira o 6 de marzo e a segunda o 15 de abril. O horario previsto para todas elas será as 20:30 horas.
Pero non só se levarán a cabo estas xuntanzas, senón que tamén o equipo redactor estará a disposición dos interesados para dar asistencia técnica. Os días 26, 27 e 28 de febreiro, o 6 e 7 de marzo e o 15 de abril no Salón de Plenos do Concello Vello o farán en horario de 10:00 a 14:00 horas e logo de 17:00 a 20:00 horas. Tamén estarán os días 11, 14, 18, 21, 25 e 28 de marzo e 1, 4, 8, 11, 21, 22, 23 e 24 de abril pero só en horario de 10:00 a 14:00 horas.











