Aposta do goberno de Cangas polo emprendemento e a formación dos desempregados
A Concellería de Traballo do Concello de Cangas presenta o seu programa para o ano 2014 “CANGAS PROXECTO EMPREGO”. Trátase dunha iniciativa novidosa que nace coa finalidade de promover o emprego no municipio mediante o deseño e execución de ferramentas prácticas que axuden ás persoas en busca activa de emprego e ós/ás emprendedores/as a acadar os seus obxectivos profesionais.
Fundaméntase na importancia de actuar conxuntamente e establecer sinerxias con todos os sectores implicados na creación de emprego: administración, empresas, institucións educativas, e sociedade en xeral como xeito de creación dun desenvolvemento económico real e sostido no municipio.
“CANGAS PROXECTO EMPREGO” ten dous pilares fundamentais, que son o fomento do emprendemento e a optimización da busca activa de emprego.
O apartado de “fomento do emprendemento” traballarase coa potenciación do “Aula do Emprendedor” , a adhesión á “Rede Eu Sumo” de fomento do cooperativismo e da economía social, da Consellería de Traballo e Benestar, e o mantemento das actividades de asesoramento legal, económico e estratéxico a emprendedores/as e empresas municipais ofrecidas dende a Axencia de Desenvolvemento Local.
“CANGAS PROXECTO EMPREGO” contará con ao menos dúas ou tres charlas ou cursos mensuais que se centrarán na orientación e asesoramento dos emprendedores que queiran poñer en marcha unha iniciativa empresarial e na axuda aos desempregados para que se poidan formar abrindo así un maior campo de posibilidades na busca de traballo.
A programación prevista para o próximo trimestre é a seguinte:
O xoves 30 de xaneiro ás 10:30 horas impartirase a charla ““Claves na elección dun local de negocio”, na Casa de Oficios Lorenzo Corvacho grazas á colaboración da Inmobiliaria Lares. Este acto enmárcase dentro das actividades da aula do emprendedor. As prazas son limitadas e o período de inscrición xa está aberto na oficina da Axencia de Desenvolvemento Local.
O vindeiro martes día 21 de xaneiro ás 12:00 horas no salón de plenos do Concello de Cangas, celebrarase unha rolda informativa sobre o curso “Emprende en Positivo” Programa de Creación e Consolidación de Empresas, que se impartirá pola fundación INCYDE grazas a un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra a partir do mes de febreiro. A súa duración total será de 320 horas repartidas en 8 semanas.
Enmarcado no apartado “optimización da busca activa de emprego”, o mércores día 22 de xaneiro ábrese o prazo de inscrición para a realización dun “Curso de Manipulador de Alimentos”. Todos aqueles que desexen apuntarse deberán facelo na Casa de Oficios, onde poderán demandar máis información, en horario de 10:00 a 12:00 horas. As prazas son limitadas.
O día 18 de marzo ás 10:30 horas terá lugar a charla “ A importancia da elección da forma xurídica”, que se impartirá na Casa de Oficios Lorenzo Corbacho, grazas á colaboración coa Xestoría Moldes.
Asemade, está pendente de determinación de data a visita do Director Xeral do Igape a Cangas para presentar a Lei de Emprendedores de Galicia, de recente aprobación, e desvelar ás súas claves a emprendedores e empresarios/as.
A Concellería de Traballo ten prevista a organización de cursos de informática básica, para que as persoas en situación de desemprego amplíen os seus horizontes na procura de traballo a través da rede. Entre outras cousas tratarase a elaboración de currículos electrónicos e como buscar ofertas de traballo na internet.
A concelleira de traballo Berta Pérez quere destacar que todo isto é posible grazas aos convenios coma o asinado coa Deputación de Pontevedra e a Fundación INCYDE, o da “ Red Eu Sumo” coa Consellería de Traballo e a colaboración coa Consellería de Industria a través DO IGAPE. Pérez tamén destaca que dende o seu departamento “estamos intentando conseguir toda a colaboración posible coas diferentes administracións para, a nivel local, tratar de axudar as persoas en situación de desemprego. Tamén volveranse a solicitar os cursos AFD, os Obradoiros de emprego e o Plan Integral de Emprego”.











