Ames solicita a Augas de Galicia que leven a cabo actuacións no entorno de Ponte Lapido
No marco das actuacións levadas a cabo polo Concello de Ames para solventar as consecuencias dos diferentes temporais no municipio, o Executivo solicitoulle a Augas de Galicia a retirada de madeira apilada no río Sar ao seu paso pola ponte existente nas inmediacións da área recreativa de Lapido-Ortoño. Como consecuencia da subida do nivel do río e dos temporais, na zona da ponte acumúlanse restos de madeira no dominio hidraúlico. Augas de Galicia confirmoulle ao Concello que, en canto melloren as condicións de seguridade na zona, retirarase o material que está a impedir a normal circulación das augas neste punto en concreto. O Concello tamén solicitou a Augas a limpeza de lodos no paseo fluvial de Bertamiráns.
Pola súa banda, o Concello de Ames está avaliando as medidas a tomar na Ponte Lapido para ofrecer unha solución que perdure no tempo, xa que as pedras da parte superior da ponte xa foron colocadas polo Concello o pasado mes de novembro e agora atópanse de novo movidas pola acción da forza das augas. O obxectivo dos traballos que acometerá o Concello será dotar á área recreativa dunha solución que impida que as augas volvan a causar desperfectos na infraestrutura.
Deste xeito, a través da colaboración de Augas de Galicia e das medidas que tomará o Concello, o Goberno amiense quere dar resposta ás queixas trasladadas polos veciños/as desta zona. Xunto ao escrito remitido a Augas de Galicia, o Concello enviou tamén un informe elaborado pola Policía Local de Ames sobre o estado no que se atopa a Ponte de Lapido, na que se observan restos de árbores, maleza e outra clase de lixo que obstaculizan o paso normal da auga pola mesma.
Estas xestións levadas a cabo polo Concello únense ás máis de 100 medidas que se están realizando, a través da brigada de obras municipal, e que teñen como obxectivo arranxar as incidencias causadas polo temporal no municipio e recuperar a normalidade nos puntos afectados polas consecuencias das inclemencias meteorolóxicas.











