Ames e a Consellería de Traballo asinan o convenio para unha segunda escola infantil en Bertamiráns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantiveron esta mañá unha reunión na Casa do Concello para asinar o convenio que pon as bases para a construción en Bertamiráns dunha segunda escola infantil. No acto de sinatura tamén estivo presente o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez. Esta nova infraestrutura, que estará situada nunha parcela de 3.389 metros cadrados próxima ao paseo fluvial, contará con 6 unidades e 82 prazas.

Tras a sinatura do convenio, o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que hoxe “dáse o último paso para que se poida construír esta infraestrutura tan importante e especial para Ames, que permitirá que Bertamiráns conte cunha segunda escola infantil que virá a cubrir a necesidade deste núcleo de dispoñer dunha nova infraestrutura deste tipo, dadas as características tan especiais e singulares da nosa poboación, sempre en constante aumento e superando os 30.000 habitantes, con máis de 340 incorporacións no último ano”.

O rexedor agradeceu á Xunta de Galicia e á conselleira Beatriz Mato “o seu compromiso, esforzo e sensibilidade con Ames” e subliñou que este convenio “é froito do compromiso e da colaboración existente entre o Concello e a Consellería de Traballo”. Santiago Amor tamén fixo fincapé nas características da ubicación da futura escola infantil “nunha das mellores zonas de Bertamiráns, céntrica, de expansión residencial e nas inmediacións do paseo fluvial”.

Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, subliñou que se trataba “dun día especial de satisfacción” por dar os últimos pasos para dotar a Ames dunha segunda escola infantil da rede pública, algo que definiu “como unha das primeiras peticións realizadas polo alcalde de Ames”. A conselleira destacou que a futura escola de Bertamiráns contará cun total de 82 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, distribuídas en 6 unidades, o que permitirá elevar a oferta ata as 184 prazas na rede A Galiña Azul do concello e, polo tanto, suporá un incremento do 80 por cento con respecto ás que existen actualmente.

A sinatura deste convenio foi aprobada polo Pleno de Ames o pasado mes de decembro coa introdución dun voto particular acordado por toda a Corporación. Deste xeito, o texto recolle que a xestión da escola será pública, que contará cun mínimo de 6 unidades e 82 prazas, que o máximo anual correspondente ao Concello non poderá ser modificado unilateralmente polo Consorcio e que os metros sobrantes que resulten da construción da escola infantil na parcela cedida revertan no Concello.

Segundo se establece no convenio, para a construción da escola infantil o Consorcio achegará o 60% do seu custo total e o Concello o 40%, sendo o importe máximo previsto para esta actuación de 820.000 euros.

21 de xaneiro de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.