Ames condena o acto de violencia de xénero rexistrado en Cervo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Concentración polas vítimas de Cervo

Concentración polas vítimas de Cervo

Os membros da Corporación amiense e os traballadores do Concello de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ao acto de violencia de xénero ocorrido onte no concello lugués de Cervo e que acabou coa vida de dúas mulleres. Diante da casa consistorial en Bertamiráns, os asistentes á concentración gardaron un minuto de silencio en sinal de condena ao acto de violencia de xénero e en lembranza das vítimas.

Deste xeito, o Concello de Ames sumouse ás diferentes concentracións que se realizaron este mércores para condenar o acto de violencia de xénero. Os feitos ocorreron onte, martes 14 de xaneiro, no municipio de Cervo. As dúas mulleres, Adela López Ramos e María José Suárez, nai e filla, apareceron mortas nos seus domicilios. Horas despois, a Garda Civil detivo a un home, marido dunha das súas vítimas, como presunto autor dos feitos.

Dende o Concello de Ames maniféstase a máis firme repulsa ante este último acto de violencia de xénero. O alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Maiores, María Carmen Verde, e outros concelleiros/as da corporación municipal participaron nunha concentración contra este acto de violencia de xénero na que se gardou un minuto de silencio en recordo das dúas mulleres. Nesta concentración tamén participaron varios traballadores municipais.

Tras a concentración, os membros do Goberno e os concelleiros da oposición acordaron celebrar mañá nos institutos do municipio sendas concentracións en repulsa por este acto de violencia de xénero. As concentracións serán ás 11:30 horas no IES do Milladoiro e ás 12:30 horas no IES de Ames. O obxectivo é concienciar aos máis novos do municipio sobre a importancia de erradicar esta lacra.

15 de xaneiro de 2014 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.