Ames acomete a segunda fase do proceso de acondicionamento de beirarrúas en Bertamiráns
O Concello de Ames está acometendo a mellora e acondicionamento das beirarrúas do núcleo urbano de Bertamiráns. Os traballos de arranxo están divididos en tres fases de actuación. A primeira destas fases, que comprendeu a zona de Lapido e parte da Avenida da Maía xa concluíu, e agora estase levando a cabo a segunda fase. Deste xeito, os traballadores atópanse realizando a reposición de plaquetas na rúa Xesteira, despois de rematar o acondicionamento na zona do Pedregal. En total, o Concello investirá máis de 22.700 euros en acometer estes traballos en 13 rúas diferentes do núcleo urbano.
A segunda fase de acondicionamento e mellora de beirarrúas en Bertamiráns comezou pola zona do Pedregal e continuou pola rúa Xesteira. Nos próximos días os operarios traballarán nas rúas Fontaldeiro, Poeta da Maía, Fieira, e outra parte da Avenida da Maía. A terceira fase de acondicionamento das beirarrúas continuará polas rúas Pesqueiras, Ameneiral, Alcalde Lorenzo, Entrerríos e a última zona da Avenida da Maía.
A estes traballos, únese o acondicionamento das beirarrúas da avenida José Luís Azcárraga que está levando a cabo unha brigada contratada grazas á concesión dunha subvención por parte da Consellería de Traballo e Benestar.
O acondicionamento de beirarrúas no núcleo de Bertamiráns supón unha primeira parte das actuacións que se acometerán no conxunto do municipio, xa que o Concello de Ames tamén ten previsto realizar labores de mantemento e acondicionamento nas beirarrúas do Milladoiro.











