publicidade hoxe

Alfonso Rueda visita as obras realizadas en Ramirás con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRamirás
A-
A+
Alfonso Rueda na visita a Ramirás

Alfonso Rueda na visita a Ramirás

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o concello de Ramirás co fin de facer un seguimento das obras executadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental posto en marcha pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Alfonso Rueda, acompañado da alcaldesa de Ramirás, Pilar López, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, comprobou os traballos realizados na antiga Escola de Picouto co fin de axeitala para albergar a Brigada Municipal de Conservación do Medio Ambiente, unha actuación que contou cun orzamento de máis de 30.000 euros.

As obras de Ramirás son un exemplo do triplo beneficio que representan as actuacións do Fondo de Compensación Ambiental para os concellos e para os veciños do rural, xa que repercuten de xeito directo nas facendas municipais, contribúen ao reequilibrio territorial e fomentan a preservación do medio natural.

Acorde cos novos usos do edificio, as actuacións cinguíronse a melloras dos sistemas de abastecemento de auga, saneamento, instalacións eléctricas e traballos de carpintería e fontanaría. Así mesmo, houbo que acondicionar o camiño de acceso á parcela e darlle as dimensións axeitadas para o paso do camión de extinción de incendios.

Deste xeito, a Brigada municipal disporá dunha sede axeitada e ben situada estratexicamente tanto para o concello e para toda a comarca, en caso de seren requiridos os seus servizos. A intervención no Picouto, ademais de recuperar un edificio emblemático, contribúe a dinamizar a economía do Concello.

Cómpre salientar que con cargo a este Fondo de Compensación Ambiental, a Vicepresidencia da Xunta levou a cabo o ano pasado un total de 37 actuacións nos concellos da provincia de Ourense, o que supuxeron un investimento máis de un millón de euros.

O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

28 de xaneiro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.