Alberto Díaz, líder da Regata Internacional do Río Negro en Arxentina

Alberto Díaz
Alberto Díaz Portas, padeeiro da categoría máster do Kaiak Tudense, é o líder da Regata Internacional do Río Negro que se disputa en Arxentina cun percorrido de 250 quilómetros. Despois das dúas primeiras etapas, nas que logrou o triunfo, afronta a terceira na primeira posición con case oito minutos de vantaxe sobre os seus adversarios.
A competición consta de seis etapas con dous días de descanso. O primeiro día, Alberto Díaz chegou no primeiro lugar á meta despois de percorrer durante 47 quilómetros. Sacoulle unha vantaxe de 3 minutos e 18 segundos a Fabián Orellana. A segunda xornada, cun percorrido total de 59 quilómetros, tamén lle serviu ao padeeiro do Kaiak Tudense para ocupar a primeira posición por diante de Roberto Froitos.
A terceira xornada da Regata Internacional do Río Negro será unha contrarreloxo de 38 quilómetros. Cada padeeiro sairá cunha diferenza de trinta segundos. Alberto Díaz defenderá o sete minutos e cincuenta segundos que ten de vantaxe sobre o resto de participantes.











