publicidade hoxe

Adxudícase a redacción do proxecto de rehabilitación do santuario da Virxe da Barca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuxía
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar hoxe o proxecto básico para a rehabilitación da Igrexa do Santuario de Nosa Señora da Virxe da Barca ao gabinete de arquitectura ‘K2C Arquitectas’, decisión que lle foi comunicada esta mañá ao Arcebispo compostelán, por parte do titular da Consellería, Xesús Vázquez Abad. Está previsto que mañá se asine o contrato e que o mesmo venres se poidan iniciar os traballos de levantamento planimétrico.

Unha vez decidido o carácter de emerxencia destes traballos, por parte do Consello da Xunta do pasado día 27, a Consellería de Cultura e Educación convidou tres equipos de arquitectos a presentar ofertas para a redacción do proxecto, a través do cal o equipo gañador comprométese a elaborar o devandito proxecto no prazo dun mes, por un importe de 21.462 euros, cifra que se sitúa por baixo do orzamento autorizado.

A elección da empresa tivo en conta non só o prezo da oferta senón tamén a experiencia das súas arquitectas na redacción de proxectos tales como os da rehabilitación das cubertas do Pazo de Xelmírez e de San Pedro de Busto; e a dos Pazos de Amarante e Eidian, así como –en colaboración con outras empresas- as obras de restauración da Igrexa de Ferreira de Pantón e os traballos de emerxencia realizados na catedral de Tui.

8 de xaneiro de 2014 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.