A XXXI Carreira Popular de San Xiao arranca o calendario deportivo do Concello de Ferrol
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, anunciou esta mañá a celebración da XXXI Carreira Popular de San Xiao. Unha proba que servirá para dar o pistelazo de saída ao calendario deportivo organizado pola administración ferrolá para este ano 2014. A carreira terá lugar na xornada do domingo 12 de xaneiro polas rúas do centro urbano da cidade con saída ás once da mañá das inmediacións do pavillón polideportivo de Esteiro. E, ao fío, Martínez Galdós sinalou que o de San Xiao “é un dos eventos deportivos máis sinalados e con máis tradición e que pon de relevo a fonda pegada que ten a práctica do atletismo en Ferrol”.
Neste contexto, a edil responsable da área de Deportes explicaba hoxe que as inscricións poden formalizarse xa no enderezo electrónico <www.championchipnorte.com para a categoría absoluta. Esto é para aqueles que nacerán no ano 1998 e anteriores, mentres que para os que o fagan na categoría escolar deberán de realizala na seguinte dirección: www.fgatletismo.es/ferrol . Estes a súa vez se dividirán nas modalidades benxamín, alevín, infantil e cadete. Tamén hai categoría específica para persoas con mobilidade reducida. O prazo para anotarse remata o mércores 8 para aqueles que compitan na categoría escolar; mentres que será o venres día 10 cando finalice para aqueloutros que o fagan na absoluta. A día de hoxe, o número de persoas que formalizaron xa a súa inscrición ronda as 300, aínda que as previsións apuntan a que esta cifra medre de xeito significativo a medida que avancen os días.
No que atinxe ao circuíto, a carreira partirá o domingo 13 ás once da mañá das proximidades do pavillón de Esteiro e os participantes na categoría absoluta terán que percorrer unha distancia aproximada de dez quilómetros polo termo municipal ferrolán. Concretamente, polas Avenidas de Esteiro e Vigo, estrada de Circunvalación, rúas Mac Mahón e Taxonera en dirección á rúa Irmandiños: Será neste punto cando se faga entrada no Arsenal Militar pola Porta do Dique para salir pola Porta do Parque (fronte á praza Vella) para continuar pola Costa de Mella, rúas da Igrexa, Rochel, Magdalena, Real, Galiano, Dolores e María ate a praza de España, onde se collerá novamente a Avenida de Vigo, estrada de Circunvalación, rúas Mac Mahón e Taxonera e a Avenida de Esteiro para voltar ao lugar de inicio, o polideportivo de Esteiro. No caso dos escolares, o percorrido redúcese a 2.700 metros nas categorías infantil e cadete; e a 900 metros, nas de benxamín e alevín.
I Circuíto de Carreiras Populares
A XXXI Carreira Popular de San Xiao servirá tamén para inaugurar o I Circuíto de Carreiras Populares “Corre por Ferrol-La Voz de Galicia”. “Un circuíto no que se pretenden aglutinar tódalas carreiras que se organicen ao longo do ano na nosa cidade e fomentar a práctica continuada desta actividade físico-deportiva tan xeneralizada ao longo de todo o ano na urbe naval”, subliñaba hoxe a concelleira de Deportes ao tempo que destacaba que coa posta en marcha desta iniciativa “Ferrol se sube ao carro das cidades galegas que contan cun circuíto de carreiras populares”.
Finalmente e no que respecta ás probas que se incluirán dentro deste I Circuíto de Carreiras Populares, Susana Martínez Galdós indicou que ademais da de San Xiao estarán a Ruta do Naval, a Carreira Nocturna ou o Memorial Adolfo Ros, entre outras.











