A Xunta Local de Seguridade aproba a comisión de coordinación de seguridade cidadá en Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o subdelegado do Goberno en A Coruña, Jorge Atán Castro, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade de Ames, celebrada no salón de plenos da Casa do Concello e que foi convocada co obxectivo de facer balance do ano 2013 da situación en materia de seguridade do municipio. No transcurso de dita reunión, aprobouse a posta en marcha da comisión de coordinación en materia de seguridade cidadá entre a Garda Civil e a Policía Local de Ames (na que haberá dous representantes de cada un dos corpos) e a delimitación de zonas de actuación da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

A esta xuntanza tamén asistiron o inspector da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez; o tenente comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro, Jorge Rodríguez; a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez; o inspector xefe adxunto do Corpo Nacional da Policía adscrito á Xunta de Galicia, Antonio Riádigos; o comandante Vidal da Garda Civil da Coruña, e o xefe da Garda Civil de Tráfico de Santiago, Miguel Soldán.

No encontro realizouse un balance da situación en materia de seguridade do municipio de Ames, elaborado polos diferentes corpos de seguridade presentes. Os datos aportados pola Garda Civil constatan que en 2013 se produciu en Ames un descenso do número de delitos rexistrados. Pola súa banda, a Policía Autonómica fixo balance das cuestións relacionadas cos incendios forestais (número rexistrado e persoas indentificadas) e con outros temas relacionados coas súas competencias como os relacionados co patrimonio.

Durante a Xunta Local de Seguridade de Ames, o alcalde trasladou a preocupación do Goberno polos casos de roubo de cable de cobre rexistrados nos últimos meses, xa que o Concello tivo que facer fronte á sustracción de máis de 4.300 metros valorados en aproximadamente 16.000 euros. Neste senso, a Garda Civil informou do dispositivo que ten en marcha para a prevención e as labores de seguimento e investigación destes feitos, dando conta das últimas operacións na loita contra este tipo de delitos. Ademais, o rexedor solicitou que se continuase coa presenza das forzas de seguridade no entorno dos centros de ensino secundario do municipio, explicando Jorge Atán que a Delegación do Goberno en colaboración co Ministerio de Interior ten un plan específico de convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e os seus entornos, destinado precisamente á colaboración con centros de ensino que están a dar moi bos resultados.

O rexedor amiense tamén elevou ante a Xunta Local de Seguridade a petición para que se aumente a dotación de efectivos cos que conta o cuartel da Garda Civil do Milladoiro.

No encontro tamén se abordou a problemática que se rexistra desde hai anos no entorno da rotonda de acceso ao Milladoiro, no límite co Concello de Santiago, no que se atopan estacionados numerosos vehículos destinados á súa compra-venda. Ademais, acordouse incrementar a presión sobre os casos de danos contra a propiedade privada, como os danos en vehículos, portais ou pintadas. Por último, abordouse a normativa vixente sobre a necesidade de informar á Subdelegación do Goberno da utilización de elementos pirotécnicos.

28 de xaneiro de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.