O Carballiño acometerá nos vindeiros días o arranxo e mantemento de viarios
A execución dos traballos de arranxo e mantemento dos viarios do Carballiño están próximos a iniciarse, aínda que desde a área de Urbanismo sinalan que é importante que se sucedan varios días sen choiva “para que estes traballos sirvan para algo e non só para lavar a cara e logo ter que volver realizalos”. A política que está a levar a cabo o actual grupo de goberno é a de tentar ofrecer sempre aos veciños un bo servizo, tamén en urbanismo. Tal e como sinalaron todos os técnicos consultados desde a citada área municipal, para realizar este tipo de traballos é necesario que o firme estea seco e a unha boa temperatura “senón sería tirar co diñeiro e o tempo”. Por tal motivo o edil MagínDeparte aseguraba que “contamos xa cun inventario de todas as actuacións que imos acometer, mesmo das necesidades de material de cada unha delas, pero temos que esperar a que o tempo mellore”. Un inventario que nunca tivera O Carballiño, e que agora será unha ferramenta imprescindible para crear o carballiño do futuro.
Neste sentido pide desculpas aos veciños e usuarios das vías carballiñesas, polas molestias que están a ocasionar esta situación, pero pide tamén compresión xa que “o que queremos facer é un arranxo e mantemento de verdade, e non só quedar ben dous días para logo ter que actuar no mesmo sitio, como sucedeu durante tanto tempo nesta vila”.
O proxecto incluído no convenio coa Deputación contempla non só o arranxo senón, o que desde o concello consideran máis importante, o mantemento dos viarios carballiñeses, o que garante un futuro para todos eles, sen necesidade de estar a realizar “parcheos” continuos, e por tanto evitando incomodidades aos veciños. En total O Carballiño conta cuns 100 quilómetros de vías de titularidade municipal, incluíndo tanto as urbanas como as da zona rural e as parroquias.
Ademais do convenio coa Deputación, no capítulo de obras de arranxo e mantemento débense engadir os traballos incluídos no plan PEIM, co que se realizaron o afirmado dos accesos norte A Reguenga, cemiterio de Señorín, Seoane, así como os camiños de Mesego e Torrón-Señorín, e os hormigonados da rúa Fonte en Seoane e camiño Cansansedo no Carballiño. O investimento neste plan PEIM foi de 51.638 euros.
Así mesmo vaise a adxudicar o plan MARCO por un importe de 50.000 euros e centrarase nos accesos ao mosteiro de Paradela, Mesego-Corredoira, Mesego-Corval, Sagra- Señorín e A Gouxiña e Señorín.
Doutra banda están xa programándose os plans Provinciais deste 2014, que se centrarán totalmente na zona rural, cun investimento total de 70.000 euros, que virán complementar en anterior convenio citado coa Deputación. Nestes plans provinciais incluiranse actuacións en Trigás, Boedes, na rúa Serra do Faro, e en Cabanelas entre outras.
Finalmente o concello informa que a Xunta procederá ao asfaltado da zona da rotonda de Martínez Avellanosa, así como o arranxo de Julio Rodríguez Soto, tras a visita dos seus técnicos. Tras o arranxo procederán a cedelas ao concello do Carballiño, xa que até agora son de titularidade autonómica.
Finalmente se estabelencen partidas orzamentarias para este 2014 referidas á sinalización de seguridade viaria.











