A vindeira semana comezarán novos cursos do programa de actividades de inverno da Laracha
O Concello da Laracha porá en marcha a próxima semana novos cursos do programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno que estaba previsto que se iniciasen durante o mes de febreiro.
A única das disciplinas que ten cubertas a totalidade das prazas ofertadas é a quenda de mañá do curso de iniciación á Internet e ao paquete Office, que se impartirá os luns e os xoves de 10.30 a 12.00 horas na aula de informática do edificio de servizos múltiples. Na quenda da tarde (martes e venres, de 19.30 a 21.00 horas) a inscrición aínda permanece aberta.
As persoas interesadas en participar nesta ou no resto de cursos e actividades que comezan en febreiro deben formalizar a súa inscrición o antes posible acudindo ao Concello da Laracha.
As modalidades son curso de informática avanzado (luns e xoves de 19.30 a 21.00 horas, tamén en servizos múltiples), obradoiro de bixutería (xoves en Paiosaco e venres na Laracha, en ambos casos de 18.30 a 20.00 horas), pilates (A Laracha, con tres quendas dunha hora de duración cada unha a partir das 18.00), combat (A Laracha, os venres de 19.00 a 20.00 horas) e arte floral na parroquia de Lemaio (luns e mércores de 20.30 a 22.30).
En todos os casos a cota de inscrición é moi reducida e presenta descontos para menores de idade, persoas maiores de 65 anos, familias numerosas e familias nos que todos os seus membros maiores de idade se atopen en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo para calquera persoa que se anote en dúas ou máis actividades.











