A vangarda do cocido de Lalín triunfa en Madrid Fusión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+
Os cociñeiros lalinenses en Madrid Fusion

Os cociñeiros lalinenses en Madrid Fusion

Crespo, Louzán, Nava Castro, Pepe Solla presenciaron, entre outros, a preparación das receitas dos novos valores da cociña lalinense: Álex Iglesias, coas súas “Chuches do Cocido” que levantaron expectación entre o público ao seren servidas nunha boliña extraída dunha máquina dispensadora; Diego López, co seu “Di-Sum do Cocido” cun sabor espectacular que conxuga todos os ingredientes do cocido e Conchi Peiteado co seu “O Textiño do Cocido”, a proposta máis similar en sabor ao tradicional cocido. Participou tamén a sumiller e lalinense Carlota Iglesias

O certame Madrid Fusión acolleu hoxe, na súa última xornada, as propostas de Vangarda do Cocido de Lalín da man de tres dos restauradores lalinenses de nova xeración: Diego López, do restaurante La Molinera, Candidato a título Mellor Cociñeiro Galego do Ano, co seu prato “Di-Sum de Cocido”; Álex Cabanas, do Restaurante Cabanas, que se formou xunto a Berasategui e no prestixioso El Celler de Can Roca, que presentou as “Chuches de Cocido” e  Conchi Peiteado,  co seu  “O Testiño do Cocido”. Tamén houbo representación de produtores da zona.

Propostas vangardistas que presenciaron o alcalde de Lalín, José Crespo; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez; o presidente da D.O. Monterrei, Antonio Méndez Atanes; o restaurador Pepe Solla, que puideron comprobar a preparación destas receitas nas que se conxuga, a través do cocido, tradición e modernidade, da man dos novos valores lalinenses da cociña.

Texturas sorprendentes para os occidentais están presentes na proposta “Di-Sum” elaborada por Diego López seguindo técnicas culinarias orientais; sabores de grelo, carnes do cocido, garavanzo ou pataca conxúganse nas “Chuches do Cocido” de Álex Cabanas, mentres que  solombo de porco sobre espuma de pataca con crema de garavanzos e cacheira prensada configuran a proposta de desestruturación do cocido presente en “O Textiño de Cocido” de Conchi Peiteado. Como apoio aos tres cociñeiros estivo tamén o lalinense e restaurador, Luis Guerreiro de “Las Palmeras”.

Receitas vangardistas que espertaron o interese do público presente no que é o evento gastronómico máis importante de España, e que superaron a difusión mediática das propostas presentadas na edición pasada. Levantaron sobre todo expectación e moitos comentarios as “Chuches do Cocido” que foron servidas aos visitantes en forma de boliñas que saían dunha máquina dispensadora de chuches que se activaba cun mando. Así cada persoa recibía a súa chuche, nas que había diversidade de sabores: desde medallón de chocolate recheo de chourizo, a gelatina de grelo ou a bombóns de cocido.

O sabor do “Di-Sum” do Cocido tamén triunfou en Madrid Fusión da man desta receita que, baixo “indumentaria” oriental, conxuga todos os compoñentes do cocido. Pola súa parte, “O Textiño do Cocido” foi eloxiada por ser a propostas vangardista que máis se axusta ao sabor tradicional do cocido.

As propostas de Vangarda do Cocido complementáronse coa tamén lalinense, Carlota Iglesias, que se encargou de facer de sumiller cos viños da D.O. Rías Baixas que se ofreceron no stand que o Padroado de Turismo dependente da Deputación ten neste certame.

É de destacar que a accesibilidade e a proximidade do stand promocional Turismo Rías Baixas (situado moi preto das ponencias públicas) facilitou que fose moita a xente que se achegara a participar e degustar as propostas de Vangarda do Cocido de Lalín. Entre eles Pepe Rodríguez e Juan Manuel Sánchez, membro do xurado e gañador de MasterChef, respectivamente.

MÁIS ARTISTAS CONFIRMADOS PARA A GALA

Ás actuacións de Luz Casal, Mónica Naranjo e El Viaje de Elliot na Gala de Gastronomía do Cocido que se emitirá o venres 21 de febreiro en directo pola TVG desde o Lalín Arena e que onte Crespo daba a coñecer na presentación da XLVI Feira do Cocido na Casa de Galicia en Madrid, únense as do compositor e cantante ferrolán, Andrés Suárez, que leva dez anos percorrendo España, guitarra en man e tamén a do compositor e cantante Andrade.

O elenco de artistas xa confirmados para a Gala hai que sumarlle a representación de dúas formacións musicais lalinenses: a Banda de Música de Lalín, que se alzou como terceira mellor do mundo no certame World Music Contest Kerkrade 2013 onde conseguiu a medalla de bronce na categoría especial, un dos máis prestixiosos a nivel mundial; e as Pandereteiras de “A Carballeira de Cercio”, grupo de cantareiras feitas a si mesmas, cuxa principal calidade é dar un matiz distinto ás cancións populares típicas destes grupos vocais. A busca de novos sons a través das súas voces fai delas un grupo que sen renunciar ao estilo puramente tradicional, pretenden achegar as cantigas tradicionais galegas a todo tipo de público.

29 de xaneiro de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.