A Torre de Hércules amplía a oferta dispoñendo dunha guía virtual do Centro de Interpretación dende a páxina web

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Centro de Intepretación e Atención ao Visitante (CIAV) da Torre de Hércules xa se pode visitar na páxina web www.torredeherculesacoruna.com, onde o visitante atopará a mesma información sobre o monumento que permite un percorrido polas instalacións deste centro situado aos pés da Torre de Hércules.

O Consorcio de Turismo, que dirixe Luisa Cid, incorpora así á oferta do faro, declarado Patrimonio da Humanidade en 2009, unha nova opción co obxectivo de chegar ao maior número de visitantes. Imaxes dos mapas en relevo que sitúan ao usuario no contexto que deu orixe ao faro, datos detallados sobre as rutas comerciais de fai 2.000 anos, maquetas da Torre de Hércules, cronoloxías ou unha reconstrución do monumento xunto ao actual son algúns dos contidos dispoñibles que achegan o CIAV.

Á guía, tamén dispoñible en papel nos puntos de información turística, pódese acceder desde a web da Torre de Hércules ou na dirección www.ciav.torredeherculesacoruna.com, e forma parte da estratexia deseñada polo Consorcio de Turismo para incorporar as novas tecnoloxías á promoción e difusión da Torre de Hércules.

“Queremos achegar a todos o monumento que máis que ningún outro é símbolo da nosa cidade”, indica Luisa Cid, quen puntualiza que esta guía marca o inicio dunha serie de actuacións de promoción.

PARQUE ESCULTÓRICO

Así mesmo, o Consorcio de Turismo editou novos folletos do Parque Escultórico da Torre de Hércules. Son un total de 18.000 exemplares en castelán, galego, inglés e francés con ampla información sobre a contorna da Torre de Hércules e que inclúen tres propostas de rutas con datos sobre a flora e fauna da zona e tamén sobre os pecios existentes na contorna.

Os novos folletos, máis manexables e con código QR, conteñen ademais un plano sobre as rías que poden verse desde a terraza da Torre de Hércules. Xa están a disposición do público nas oficinas de Turismo da praza de María Pita e da Torre de Hércules.

15 de xaneiro de 2014 | 11:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.