A selección galega cadete masculina queda cuarta no Campionato de España
A selección galega cadete masculina soñaba con acadar a medalla de bronce no Campionato de España de Seleccións Territoriais, pero unha pésima primeira metade acabou con ese soño. Ao final, Galicia cadete masculina foi cuarta clasificada. Hoxe tivo lugar a última xornada do Campionato de España, que se celebrou en Asturias, con tres triunfos galegos e outras tantas derrotas.
Cadete masculino: Euskadi, 39-Galicia, 33 (descanso, 19-10). O conxunto dirixido por Emilio Pintos quería esquecer a derrota do día anterior para loitar pola medalla de bronce contra Euskadi. Así, o choque foi máis ou menos igualado ata o minuto 14 (6-5), pero a partir dese instante un parcial demoledor de 7-0 dos vascos acabou coa esperanza dos galegos. Na segunda parte, Galicia foi remontando pouco a pouco, intentando achegarse no marcador e estivo cerca. No minuto 48 estaba a tres tantos (27-24) e a falta de catro minutos para o final do choque estaban a dous (32-30). Neste intre, Euskadi solicitou un tempo morto para reactivar ao seu equipo. E o certo foi que os vascos reaccionaron con dous goles consecutivos que acabaron coas escasas oportunidades dos galegos. Ao final, cuartos no Campionato de España.
Galicia: García Andrade, López Caíño, José López, Carlos Vilanova (6), Pablo García, Diego Freijeiro, Nico Nantes(8), Sergio Lorenzo, Marcos Pérez (3), Raúl Nogueira, A. Rodríguez, David Iglesias (7), Sergio Altibirria, André Rey, Daniel Alonso (4), Ángel Rodríguez (5).
Infantil masculino: Galicia, 27-Andalucía, 37 (descanso, 14-23). Na loita polo quinto posto, o partido estivo igualado ata o 8-8. A partir de aí unha serie de perdas de balón propiciou contraataques moi fáciles a favor de Andalucía. Así os andaluces lograron unha ampla distancia no marcador (ao descanso, 14-23). A segunda parte xa foi máis igualada entre ambos conxuntos, pero xa foi imposible para os galegos remontar a diferenza de goles. Sexta posición no campionato. Goleadores Galicia: Dani (3), Álvaro (1), Fran (5), Carlos (2), Roque (2), Miguel (4), Javi (3), Andre (3) e Jose (2).
Xuvenil feminino: Galicia, 26 -Madrid, 37(descanso, 14-20). Partido irregular das galegas. Madrid logrou romper moi pronto o partido, con
vantaxes importantes xa nos primeiros minutos (3-9, min. 7) e as rapazas galegas non tiveron opcións de remontar. Ao descanso, 14-20. Ademais o equipo técnico aproveitou para darlle minutos a todas as xogadoras dispoñibles. Sexta posición no torneo.
Infantil feminino: Aragón, 17-Galicia, 22 (descanso, 8-9). Era o último encontro do torneo e as xogadoras querían despedirse cun bo partido. E lográrono. Así, no comezo da primeira parte as galeguiñas tiñan unha diferenza de varios tantos a favor no marcador (7-10, minuto 20).
Nos primeiros minutos da segunda parte, igualouse o choque por erros cometidos por parte das galegas, pero despois retomaron o control alcanzando unha vantaxe no marcador de 5 goles arriba que lle permitiron xogar con tranquilidade. Así, Galicia logrou a sétima posición no Campionato de España. Galicia: Begoña, Uxía Ferreiro, Andrea (8), Fátima, Maria (3), Zara, Sara, Sandra (1), Julieta (1), Uxía López (1), Mia, Ruth (1), Paula (3), Elia, Saray (1), Raquel (3).
Cadete feminino: Canarias, 31-Galicia, 35 (descanso, 14-18). Partido dominado por Galicia dende o principio grazas a unha moi boa defensa. Neste encontro dispuxeron de minutos todas as xogadoras dispoñibles. Ao final, vitoria do conxunto galego, que logrou así o sétimo posto. Xuvenil masculino: Galicia, 36-Euskadi, 31 (descanso 20-9). Galicia puxo punto e final ao campionato de España logrando unha vitoria ante Euskadi que a deixa situada en sétima posición. Neste partido todos os xogadores dispoñibles gozaron de minutos de xogo o que non impediu que o conxunto galego xogara a un bo nivel. O partido foi controlado por Galicia dende o seu comezo e malia o intento de remontada vasco ao final, a vitoria caeu do lado galego. Galicia, sétimo clasificado.











