A Selección Galega Cadete masculina disputará a semifinal contra Andalucía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A selección galega cadete masculina foi a única das seis que logrou o pase para as semifinais na disputa dos cuartos de final do Campionato de España de Seleccións Territoriais que se está a celebrar estes días en Asturias. Non foi un bo día para Galicia, xa que cinco das seleccións caeron no cruce dos cuartos de final. O equipo cadete feminino, con moitas baixas, loito polo triunfo ata o último instante, mentres que o xuvenil feminino tamén tivo opcións. Derrotas contundentes dos equipos xuvenil masculino e infantil masculino e feminino. Cadete masculino: Galicia, 43-C. Valenciana, 40 (descanso, 24-19). Gran triunfo de Galicia, que logra meterse nas semifinais do campionato de España. Os rapaces de Emilio Pintos fixeron un magnífico traballo dende o primeiro minuto, xa que sempre estiveron por enriba no marcador, sen permitir que Valencia se lles achegara. A selección galega fixo un traballo serio en ataque que lles permitiu xogar con rápidas e eficaces contraataques, moi ben resoltos. ao descanso 24-19. Na reanudación, Galicia seguiu traballando en defensa e cunhas contras vertixinosas, conseguiu manter a distancia no marcador. Ao final 43-40 e a recuperarse canto antes para a semifinal de mañá contra Andalucía (13:00 horas).

Galicia: García Andrade, López Caíño (6), José López (5), Carlos Vilanova (6), Pablo García (2), Diego Freijeiro, Nico Nantes, Sergio Lorenzo, Marcos Pérez (1), Raúl Nogueira, Ángel Rodríguez (8), David Iglesias (9), Sergio Altibirria (4), André Rey, Daniel Alonso (2), Ángel Rodríguez. Infantil feminino: Canarias, 22-Galicia, 15 (descanso, 11-7). Moita igualdade no inicio do choque de cuartos da categoría infantil feminina. Así, no minuto 15 o marcador estaba igualado (5-5). Nos minutos seguintes as galeguiñas puxéronse por enriba no marcador pero dúas exclusións deixaron a Galicia en inferioridade numérica a cal foi aproveitado polas canarias, que chegaron ao descanso cun marcador ao seu favor (11-7). A segunda parte foi moi loitada pero as inferioridades numéricas deron vantaxe ás canarias que se levaron a vitoria. Bo traballo do equipo galego que loitou cada balón e defendeu con moitas ganas, ante un durísimo rival. Galicia: Begoña, Uxía Ferreiro, Elia, Sara, María (3), Miña (1), Paula (2), Raquel (3), Sandra, Ruth, Uxía López (3), Sarai, Zara (2), Julieta, Andrea, Fátima (1). Mañá Galicia comezará a loita pola quinta posición contra Navarra (16:00 horas).

Infantil masculino: Madrid, 35-Galicia, 23 (descanso, 17-12). Partido complicado para os galegos ante o que se perfila como gran favorito para facerse co título de campión de España en categoría infantil. Cun inicio cheo de dúbidas por parte dos galegos, Madrid logrou poñerse por diante cunha cómoda vantaxe(6-1), pero un tempo morto corrixiu un par de desaxustes e Galicia volveu a meterse no partido, chegando a estar 12-10. Aínda así, nos minutos finais da primeira metade, Madrid escapouse no marcador (17-12, ao descanso). Tralo paso polos vestiarios, o combinado galego seguiu loitando por estar no encontro e logrouno ata o ecuador da segunda parte, pero a maior envergadura do conxunto madrileño fixo imposible a remontada. Nos últimos 9 minutos do choque houbo moitas rotacións e o partido converteuse nun “correrrúas”, que favoreceu ao equipo madrileño para aumentar as distancias. Agora toca pelexar polo quinto posto do Campionato de España, mañá ás 9:30 horas contra Castela e León. Cadete feminino: Madrid, 23-Galicia, 21 (descanso, 13-9). A selección galega enfrontaba o choque moi minguada polas baixas e o cansazo do partido con prórroga do día anterior, pero con moitas ganas de seguir dando pasos no torneo cara ás medallas. As madrileñas lograron escaparse no marcador dende o principio e as galegas foron a remolque. Ao descanso, Galicia perdía 13-9. No segundo tempo seguiron eses tres ou catro goles de vantaxe ata o 20-14. A a partir de ai as galegas empezaron a remontar a base de orgullo, chegando a poñerse 22-21 a falta de 2 minutos. Pero neste momento clave faltou un chisco de sorte para as rapazas de Castro. Unha exclusión púxollo difícil ás galegas que, aínda así tiveron dúas ocasións para empatar: un lanzamento ao poste e un posterior 7 metros tamén ao poste a falta de 30 segundos por xogarse. Na posterior xogada, Madrid meteu o 23-21 final.

Na loita polo quinto posto, Galicia terá o primeiro asalto mañá contra Andalucía (16:00 horas). Xuvenil feminino: Galicia, 24-Canarias, 27 (descanso, 10-13). Parecía unha das opcións claras galegas para chegar a semifinais, sobre todo porque no torneo o conxunto foi crecendo día a día. Pero contra Canarias, Galicia non logrou poñerse por diante no marcador en ningún momento. No inicio do choque, parecía que Galicia podería competir sen dificultades (5-5, min. 12), pero un parcial demoledor de 7-0 en nove minutos deixou tocadas as galegas, que aínda así non baixaron os brazos e comezaron o traballo lento de ir achegándose a Canarias. Así, ao descanso estaban tres tantos abaixo y tralo descanso Galicia logrou o empate grazas ao tanto de Paula Quintana (13-13, min. 32). A partir de ai, Canarias mandaba con distancias curtas de dous ou tres tantos, ata que no minuto 22 as rapazas de Ismael volveron a acadar o empate (21-21). Pero xa non houbo máis opcións, con varios erros nos lanzamentos finais (24-27). Antía Espiñeira foi a xogadora máis destacada con nove goles. Así, Galicia loitará por ocupar do 5 ao 8 posto. Mañá xogará contra Castela e León (09:30 horas). Xuvenil masculino: Andalucía, 44-Galicia, 37 (descanso 12-19). Despois da irregular cara amosada na fase de grupos, faltaba saber que imaxe daría o conxunto xuvenil masculino galego contra Andalucía nos cuartos. Pero unha vez máis a súa irregularidade e inconsistencia no xogo levouno a unha dolorosa derrota que o deixou fóra das semifinais.

No inicio de choque Andalucía logrou escaparse no marcador (10-5, min. 11), pero Galicia foi quen de darlle a volta ao partido e ao resultado, para primeiro empatar (12-11, min. 20) e despois poñerse por diante no marcador (14-17, min. 26). Pero outra vez, os galegos desapareceron da cancha de forma inexplicable e encaixaron un parcial de 6-1, en tres minutos e marcharon ao descanso por detrás o marcador (21-19). Tralo paso polos vestiarios, as cousas empeoraron para os galegos. En dez minutos resolveuse o partido, xa que Andalucía logrou unha vantaxe de sete tantos (30-23), que xa foi imposible para o combinado galego. Mañá, Galicia xogará contra a Comunidade Valenciana (09:30 horas

 

5 de xaneiro de 2014 | 22:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.