A Selección Galega Cadete de Balonmán xogará polo bronce contra Euskadi no Campionato de España
A selección galega cadete masculina xogará mañá polo bronce do Campionato de España de Seleccións Territoriais “Asturias 2014”, tras caer hoxe nas semifinais contra Andalucía. Os galegos fixeron un bo traballo nun durísimo choque que dominaron durante os primeiros quince minutos. Agora xa pensan no choque de mañá (11:15 horas) contra Euskadi. Por outra banda, hai que destacar as vitorias dos combinados galegos xuvenil feminino e infantil masculino, que mañá buscarán a quinta posición do campionato de España. Cadete masculino: Andalucía, 35-Galicia, 28 (descanso, 18-14). Non puido ser, pero o conxunto galego saíu da cancha coa cabeza ben alta, por dar a cara e competir por cada balón ata o final do choque. O comezo de Galicia foi irresistible e nos primeiros minutos logrou poñerse por diante cunha pequena distancia no marcador (a máxima distancia foi de 7-2, min. 5). O equipo dirixido por Pintos dominou o choque ata o minuto 19 da primeira metade, pero a partir de aí Andalucía cambiou o partido e púxoo onde realmente quería. Ao descanso, 18-14.
Tralo paso polos vestiarios, mais do mesmo. Mediada a segunda parte, Galicia logrou achegarse a un gol ata en dúas ocasións (24-23 e 25-24), pero os andaluces reaccionaron inmediatamente cun parcial de 5-0 que acabou coas esperanzas galegas. Ao final, 35-28 e os galegos xa están pensando na loita polo bronce. Precisamente, Galicia xogará por este terceiro posto no podio, mañá a partir das 11:15 horas contra Euskadi. Galicia: García Andrade, López Caíño, José López (2), Carlos Vilanova (6), Pablo García, Diego Freijeiro, Nico Nantes, Sergio Lorenzo, Marcos Pérez, Raúl Nogueira, A. Rodríguez (4), David Iglesias (12), Sergio Altibirria (2), André Rey, Daniel Alonso (2), Ángel Rodríguez. Infantil masculino: Galicia, 26-Castela e León, 25 (descanso, 12-11). Partido igualado de principio a fin, con alternancias constantes no marcador.
Cun inicio bastante intenso por parte do equipo galego, que non deixaba respirar ao central de Castela e León, e con rápidas transicións o conxunto galego logrou poñerse por diante cun parcial de 4-1. Logo dun tempo morto visitante, igualouse o marcador e seguiu con distancias como máximo de dous goles ata o descanso en función do inferioridades sinaladas polos colexiados. Tralo descanso, os xogadores galegos saíron enchufados para non se deixar sorprender polo pulo inicial do equipo de Castela e León, e así continuou toda a segunda metade con mínimas diferenzas. No minuto 20 da segunda parte, os rapaces de Luis Montes lograron poñerse por diante con tres goles o cal parecía que facilitaba o tramo final do encontro, pero algunha decisión precipitada propiciou un final de infarto: Faltando 30 segundos Galicia tiña o balón para poñerse por diante e conseguiuno facelo grazas ao tanto de Martín logrado polo extremo. Pero aínda quedaría unha acción final na que Castela e León non foi quen de forzar a prórroga. Con isto, Galicia enfrontarase mañá (13:00 horas) polo quinto posto a Andalucía, equipo ao que xa coñecen da fase de grupos. No enfrentamento contra os andaluces, Galicia perdeu, así que mañá tentará cambiar o resultado. Xuvenil feminino: Castela e León, 20-Galicia, 33 (descanso, 10-19). Grande partido o disputado hoxe pola selección xuvenil, no que se medía a un vello coñecido como Castela León, un enfrontamento habitual entre esta xeración de xogadoras.
Nesta ocasión foron as xogadoras galegas as que saíron vitoriosas. Doídas no orgullo tras a dura e en certo modo inesperada derrota de onte, as galegas saíron como avións á pista e pronto puxeron terra de por medio no marcador. Destacable actuación de Paula na primeira e Anthía na segunda parte ( 9 goles cada unha) así como a de Raquel baixo paus. Galicia chegou 9 arriba ao descanso ante unha Castela León que viña de ser primeira de grupo e perder sorprendentemente os cuartos de final con Cataluña. A segunda parte xa non tivo historia, polo que o seleccionador galego aproveitou para dar minutos de descanso ás xogadoras máis habituais e minutos de xogo ás que participan menos. E nestas condicións, a vantaxe incrementouse paulatinamente ata chegar ao 33-20 final. Mañá, Galicia xogará a partir das 09:00 horas polo quinto posto contra Madrid. A gran sorpresa en xuvenil feminino é a presenza de Canarias (que viña da Copa de España) na gran final, tras eliminar primeiro en semifinais a Galicia e hoxe a Cataluña.
Infantil feminino: Navarra, 13-Galicia, 9 (descanso, 6-4). Non estiveron finas as galeguiñas no partido de hoxe contra Navarra. As derrotas dos días anteriores pesaron sobre as xogadoras galegas, que non atoparon o seu xogo. Erros tanto no traballo defensivo coma en ataque fixeron que as galegas foxen todo o partido por debaixo no marcador. Galicia: Begoña, Uxía Ferreiro, Sarai (1), Fátima (1), Mía, María, Andrea (1), Zara, Elia, Sara, Paula, Uxía López (1), Sandra (1), Ruth, Raquel (3), Julieta (1). Mañá, partido contra Aragón (13:00 horas) na loita polo 7º-8º posto. Cadete feminino: Galicia, 22 –Andalucía, 27 (descanso, 11-9). Partido moi igualado o disputado por Galicia e Andalucía. Galicia comezou mandando no marcador e púxose 6-1 ao principio de choque, pero despois do tempo morto pedido polo seleccionador rival, Andalucía reaccionou e logrou achegarse a dous goles. Ao final do primeiro tempo Galicia gañaba 11-9. No segundo tempo Andalucía apertou e deulle a volta ao marcador chegando a ter unha vantaxe de 3 goles, pero as galegas non se renderon. Así, reaccionaron e lograron chegar empatadas aos últimos cinco minutos, pero varios erros galegos ofreceron a posibilidade de adiantarse no marcador ás andaluzas. Ao final, a defensa en todo o campo intentando recortar distancias non resultou e o marcador foi máis avultado (22-27). Mañá (9.30), partido polo 7º-8 º posto fronte a Canarias.
Xuvenil masculino: Galicia, 26-C. Valenciana, 31 (descanso 14-13). No partido desta mañá Galicia acusou o duro golpe recibido onte ao caer eliminada nos cuartos de final. Malia que na primeira parte deu a cara fronte a Valencia e foi por diante no marcador, na segunda metade o equipo levantino foi superior a unha Galicia que en ningún momento deu sensacións de poder remontar o partido. Tras esta derrota Galicia terá que disputar mañá o 7º e 8º posto contra Euskadi (09:00 horas).











