A Rondalla Infantil e a Coral Polifónica de Brión organizan unha cea para o 25 de xaneiro
A comisión da Rondalla Infantil e da Coral Polifónica de Brión organiza unha cea á que están convidados os 182 integrantes destas dúas formacións, promovidas polo Concello de Brión e que marcaron o panorama musical da comarca ao longo da década dos noventa. Unha cea que xurde a raíz do éxito da homenaxe realizada o pasado mes de outubro e que rematou nun intento de recuperar ambas formacións por parte dalgúns antigos membros da Rondalla e da Coral.
A cea terá lugar no Restaurante Scala (Padrón) o sábado 25 de xaneiro, ás 22:00 horas. O prezo por persoa é de 25 euros e cada integrante da Rondalla e da Coral pode traer acompañante ou acompañantes. O Concello de Brión colaborará coa Rondalla Infantil e a Coral Polifónica e xestionará as inscricións. Para anotarse e reservar praza só será preciso dirixirse ao Concello de Brión, no teléfono 981 887 006 (Mari Carmen), ou á Casa da Cultura, no teléfono 981 509 908 (Alberto).
A Rondalla Infantil formárase no ano 1986 como escola de música con 60 alumnos e nos cursos sucesivos nunca baixou de cen matriculados, aínda que para nas actuacións interviñan non máis de trinta. A Coral Polifónica creouse no ano 1991 e pasaron por ela 66 homes e mulleres durante os dez anos que durou. Ofreceron máis dun cento de actuacións por distintas localidades da comarca e fóra dela: en Allariz, Arzúa, Vilagarcía, Terra de Montes, etc. Tamén actuaron no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, no Auditorio de Galicia e conseguiron numerosos premios e recoñecementos. Ambas agrupacións desapareceron xuntas no ano 2001, apenas dous anos despois da morte do seu principal impulsor: Isaac Vázquez Alvite. Tras a homenaxe realizada o pasado mes de outubro, algúns antigos membros comezaron a reunirse para ver de recuperar ambas formacións.











