A restauración na Capela de San Xoán, na catedral de Ourense, conta cun orzamento superior aos 250.000 euros
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a Catedral de San Martiño, en Ourense, para comprobar o resultado da restauración realizada sobre a policromía do Pórtico do Paraíso.
Acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultura, Maria Carmen Martínez Insúa, o conselleiro comprobou o resultado dos traballos que afectaron a todo o espazo do Pórtico, e recordou que “foron restauradas as pinturas e o conxunto ao completo incluíndo os elementos arquitectónicos e escultóricos pétreos e lígneos, como a Virxe Pétrea do retablo de Nosa Señora de Belén”.
“Esta intervención demostra a implicación da Consellería con este espazo no que xa se levan investidos, desde 2011, preto de 700.000 euros destinados á rehabilitación e posta en valor desta peza fundamental do patrimonio cultural da cidade das Burgas”, asegurou Vázquez Abad.
Capela de San Xoán
As melloras na Catedral continúan coa restauración da capela de San Xoán que contan cun orzamento de 250.346 euros, e que teñen un prazo de execución de oito meses.
O conselleiro comprobou o estado deste espazo e dixo que “tal e como xa anunciamos na visita do mes de novembro, as obras comezan co replanteo, teñen como obxectivo que este espazo volva a abrir ao público. Realizaranse actuacións obre as vidreiras, o retablo, os paramentos exteriores e interiores, e tamén serán arranxados os problemas de humidade e farase un saneamento do patín norte”.
Outras actuacións na Catedral
Estas actuacións veñen a dar continuidade ás xa realizadas pola Consellería desde 2011 e permitiron realizar reparacións puntuais nos canalóns, traballos de impermeabilización na terraza da sancristía e reparacións nos enlousados e tellas das cubertas, principalmente da torre norte e das naves do cruceiro.
Ademais, os investimentos destináronse á restauración do órgano catedralicio e das pinturas murais e o retablo da parte sur do nártex, iniciando con esta actuación a conservación e recuperación do espazo arquitectónico que preside o Pórtico do Paraíso.
Por outra banda o conselleiro recordou que “esta previsto a realización da segunda fase de restauración das cubertas. E, ademais xa están preparados os traballos necesarios para a redacción dun proxecto de restauración específico da portada ornamental do cruceiro norte da catedral, que sufre os procesos de erosión e desgaste producidos polo paso tempo e outro factores ambientais”.
Neste sentido sinalou que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural colaborou nestes últimos anos para estudar diferentes métodos cos que subsanar defectos de operacións de restauración aplicadas nos anos 60, como por exemplo a aplicación de cera sobre os materiais graníticos.











