A renovación do mobiliario da escola infantil A Farixa de Ourense contou cun orzamento de 50.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou preto de 50.000 euros para reformar e renovar o mobiliario da escola infantil A Farixa de Ourense, que conta cunha capacidade para 95 nenos e nenas distribuídos en sete unidades.

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe estas obras que constan de dúas partes. Dunha banda, a cubrición dunha grande parte do areeiro existente con chan de amortecer de cores vivos, para posibilitar as capacidades motrices dos nenos; e, doutra banda, a instalación de aparellos de aire acondicionado en todas as dependencias do centro, permitindo que os cativos poidan facer actividades dun xeito saudable en épocas de moito calor.

Así mesmo, adquiriuse diferente mobiliario: mobles para mudar os cueiros; mobles para a sala de psicomotricidade de diferentes tamaños, formas e cores; e cadeiras para o comedor, entre outros.

A directora xeral destacou a aposta do Goberno galego por fomentar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, un obxectivo que constitúe un dos eixos principais do Plan de dinamización demográfica, que Galicia puxo en marcha de xeito pioneiro co fin de facer fronte á caída da poboación que se vén rexistrando na comunidade autónoma.

Actualmente, a rede A Galiña azul oferta preto de 8.600 prazas públicas neste curso en toda Galicia, distribuídas nun total de 147 centros, unha cifra que supón máis de 3.100 prazas que as que existían en abril de 2009, un 58 por cento máis.

22 de xaneiro de 2014 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.