A provincia da Coruña promocionarase como destino turístico gastronómico na XV edición de ‘Xantar’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
A Deputación da Coruña estará presente un ano máis no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo ‘Xantar’ que se celebrará entre os días 5 e 9 de febreiro en Expourense.

O vicepresidente do ente provincial, Antonio Cañás, presentou hoxe acompañado do xerente do recinto feiral de Ourense e director de Xantar, Alejandro Rubín, o espazo de máis de 20 metros cadrados que terá reservado a Deputación na única feira internacional turístico-gastronómica que se celebra en España. O deputado insistiu na relevancia de formar parte deste evento que serve de “escaparate” ás distintas localidades da Coruña, resaltando un dos maiores atractivos de Galicia, a comida.

“É importante estar aí para atraer visitantes á provincia e dar a coñecer a calidade dos nosos produtos”, afirmou o deputado. Entre eses produtos, Cañás mencionou os mariscos do Barbanza e da Costa da Morte, os viños de Ferrol ou os doces que os peregrinos se atopan ao final do Camiño de Santiago.

Pola súa banda, Alejandro Rubín agradeceu a participación da Deputación, que ademais de espazo propio, contará cun día dedicado á provincia. Así, o ente provincial aproveitará este evento para dar a coñecer o Fórum Gastronómico que, por primeira vez, se celebrará na cidade da Coruña entre os días 23 e 25 de febreiro e que conta cunha achega de 225.000 euros para sufragar o 80% do custe da organización.

O evento situará durante uns días a Galicia no centro gastronómico europeo ao congregar os máis destacados profesionais do sector e permitirá dar a coñecer no estranxeiro aos mellores cociñeiros da terra.

O responsable da área de Promoción Económica, Emprego, Medio Ambiente e Turismo lembrou tamén as rutas temáticas que a Deputación comezou a poñer en marcha hai dous anos coa Ruta da Construción Naval de Ferrol e á que en breve se sumará a Ruta Conserveira, un percorrido ao longo dos máis de 140 anos de historia das empresas que traballaron ou aínda traballan ao longo da costa coruñesa.  

Visita a Expourense

Para os coruñeses que queiran acudir á feira internacional, ‘Xantar’ ofrece o ‘Paquete Tren’, que inclúe a viaxe de ida e volta a Ourense, a entrada á feira turística internacional e visitas guiadas á ribeira termal do Miño, ás Burgas e ao casco histórico da cidade, ademais dun almorzo nos restaurantes de ‘Xantar’.

29 de xaneiro de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.