A Policía Local de Ferrol realizou diferentes controis de alcoholemia “express” durante a fin de semana
A Xefatura de Policía Local de Ferrol informou hoxe sobre diferentes actuacións realizadas esta fin de semana no termo municipal. Os axentes policiais realizaron diferentes controis de alcoholemia “express” en varios puntos da cidade, enmarcados dentro da programación anual de prevención en materia de delincuencia viaria.
Un total de 138 vehículos foron controlados, dos cales sete arroxaron taxas superiores ás establecidas, polo que se tramitaron sancións administrativas a cada un deles. Así e segundo indicou a Policía Municipal, deste total de condutores que deron positivo, sete eran homes e tiñan unha idade media de 36 anos. En total, preto dun 5% de positivos, cifra orientativa que se establecera en xaneiro do ano 2012 como obxectivo a cumprir con estas campañas dado que ata entón a media se atopaba situada en torno ao 7%. Así mesmo, un condutor que tratou de esquivar o control de alcoholemia dado que rexistraba unha taxa de 1.02 mg/l foi posto a disposición xudicial e se tramitaron cinco denuncias por non ter a Inspección Técnica no prazo establecido e dúas por non utilizar o cinto de seguridade.
Por outra banda, durante a tarde do sábado, unha patrulla da Policía Local foi requirida por unha veciña da rúa Travesía de Bazán que manifestou ser ameazada por un home cunha arma branca, motivo polo cal se procedeu á identificación do denunciado. Ao varón de 51 anos e que responde ás iniciais L.D.M, atopouselle no seu poder a arma polo que tras corroborar os feitos con varias testemuñas, o denunciado foi posto a disposición xudicial. Ademais, na noite do domingo ao luns, ás 01:40 horas aproximadamente, un vehículo de cor vermello atropelou a un peatón. O condutor fuxiu do lugar dos feitos polo que foi necesario solicitar a colaboración cidadá para recadar toda a información posible para a súa identificación.











