A piscina municipal da Ramallosa pechou o ano con case 3.000 usuarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A piscina climatizada da Ramallosa conta en menos dun ano de funcionamento, xa que se abriu no mes de abril, con case 3.000 usuarios reais. Concretamente neste momento hai contabilizados 1.243 abonos pagadores e 2.900 beneficiarios deses abonos. Nese concepto inclúense os membros dos abonos familiares nos que só paga un/ha titular pero co que se da acceso a máis persoas.

Anxo Rei, edil de Deportes, destaca que se trata “de datos moi positivos que avalan a necesidade dunha infraestrura deste tipo no Concello”. A maiores salienta que os bos números no relativo aos abonados “inciden na sostenibilidade da instalación, o que para nós resulta primordial” explica Rei.

Dende o mes de setembro tamén hai un abono específico para persoas paradas cun custe reducido respecto da tarifa xeral. O prezo é de 12 euros e permite o acceso ás instalacións en xornada de mañá, ata as tres da tarde. Neste momento xa hai 80 persoas que tramitaron este tipo de abono.

Dende a piscina tamén informan que entre o 21 de xaneiro e o 9 de febreiro realizarán unha campaña de captación de novos socios. As persoas que se abonen nese período recibirán un lote de material deportivo como agasallo.

A piscina climatizada da Ramallosa abriuse en abril e durante os meses de funcionamento rexistráronse case 70.000 accesos. Por mes a cifra media de accesos que máis se repite é a de máis de 8.000 persoas en xuño, setembro, decembro de 2013 e xaneiro do 2014. Nos meses de outubro e novembro as cifras superaron as 10.000 persoas por mes. Nos meses de maio e no verán a afluencia do público foi menor, no primeiro caso porque acababa de comezar a funcionar e non se contabilizou todo o mes e en xullo e agosto polo bo tempo e polo uso das piscinas descubertas.

A piscina municipal da Ramallosa conta cunha planta principal de 1.700 metros cadrados. Nesta zona é onde está o elemento principal da instalación, o vaso de 300 metros cadrados. Ademais dos vestiarios, duchas e saunas na planta baixa está un ximnasio de 200 metros cadrados. Esta zona complétase coa recepción, despachos e salas de fisioterapia. A planta do soto conta cunha pista multideporte e cunha pista de pádel. Tamén ten outra sala de usos múltiples no que xa hai instaladas bicicletas para impartir clases. A parte alta conta con un terceiro espazo polivalente de case 200 metros con vistas á piscina. Trátase dunha infraestrutura con moitos espazos de uso permitindo deseñar unha oferta deportiva atractiva para os usuarios.

A piscina da Ramallosa funciona no horario de inverno de luns a venres de 07:15 a 23:00 horas, os sábados de 09:00 a 14:15 e de 17:00 a 20:15 e os domingos e festivos de 09:00 a 14:15 horas. As piscinas de Teo teñen unha páxina de facebook na que informan da oferta de cursos e horarios de actividades PiscinasTeo. O teléfono de contacto é o 981 803 922 e o correo electrónico teo@aquafitgestion.com

28 de xaneiro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.