A piscina climatizada de Verín estrea novo ximnasio e sala aeróbica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Vista do novo ximnasio

Vista do novo ximnasio

Desde hoxe as instalacións da piscina climatizada de Verín contan cunha nova sala aeróbica e ximnasio dotados coas última novidades de máquinas de musculación, tanto para exercicio aeróbico como aneróbico.

Estas novas salas deportivas son o resultado da remodelación realizada na piscina climatizada de Verín durante as últimas xornadas, nas que se efectuou o traslado da sala aeróbica desde a parte superior da instalación á inferior, coas conseguintes obras de mellora, mediante a substitución do chan, pintura das paredes e adecuación deste espazo deportivo.

Ademais, grazas ao traslado deste espazo, a área de cardio e pesas foi situada na zona superior da piscina climatizada e no mesma instalouse novo equipamento deportivo. Este ximnasio contará con persoal especializado que asesorará aos/ás usuarios/as do mesmo, tanto para a correcta utilización da maquinaria como á hora de establecer programas de exercicios (este servizo ofertarase de luns a venres, de 9 a 12 e de 17 a 22 horas). “Vai ser un dos mellores ximnasios públicos da provincia, xa que ademais de máquinas de última xeración contará con monitores que tras unha avaliación previa de cada usuario -na que se terá en conta medidas antropométricas, peso, altura ou pulsacións-, se realizará un programa de exercicios personalizado e se fará un seguimento dos usuarios e así se evitarán lesións na práctica deportiva”, subliña o rexedor Juan Manuel Jiménez Morán. Tamén recordou que este persoal especializado comprobará que se realice un uso adecuado das instalacións, “que se leven toallas ou se coloque o material no seu sitio como se fai nun ximnasio privado e aquí non”, ademais engade que “estamos pensando en colocar cámaras no ximnasio e na sala de spinning para evitar posibles actos vandálicos, como xa sucederon en anteriores ocasións, ou a rotura de aparatos”. “Esta instalación é de todos, hai que dar a maior calidade no servizo e no mantemento de aparatos, pero hai que coidalos entre todos os usuarios”, e tamén recordou que na nova sala aeróbica “na que se fixo una reforma integral, os monitores do ximnasio tamén realizarán clases aeróbicas moi novidosas co obxecto de atraer a novos usuarios a esta instalación deportiva”.

A partir desta tarde tamén se retoman todas as clases que se impartían na sala aeróbica no seu horario habitual. Todas estas actuacións continúan a liña en materia deportiva promovida desde o Concello de Verín durante os últimos anos, destinada a fomentar unha política municipal promotora da saúde, que impulse a participación comunitaria, promova ambientes onde sexa máis fácil practicar comportamentos e estilos de vida saudables.

20 de xaneiro de 2014 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.