A piscina climatizada de Verín disporá de novas máquinas de musculación e unha sala aeróbica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Nova sala de máquinas

Nova sala de máquinas

Co obxecto de mellorar a calidade dos servizos ofertados aos usuarios/as da piscina climatizada do municipio, o Concello de Verín iniciará mañá a remodelación da nova sala aeróbica, ademais da instalación de novas máquinas de musculación no ximnasio da mesma.

Estas melloras levan consigo a colocación dun novo equipamento deportivo, o que permitirá incrementar o actual número de máquinas, tanto para exercicio aeróbico coma aneróbico. Coa dotación deste novo equipamento, o espazo de cardio e pesas trasládase desde a parte inferior da instalación á superior, é dicir, que quedará situado na actual sala aeróbica. Ademais, o ximnasio desta instalación deportiva contará con persoal especializado que asesorará aos/ás usuarios/as do mesmo, tanto para a correcta utilización da maquinaria como á hora de establecer programas de exercicios.

Por outra banda, a sala aeróbica será trasladada á zona inferior da piscina climatizada -onde se atopa na actualidade o ximnasio-, e na mesma se efectuarán obras de mellora, mediante a substitución do chan, pintura das paredes e adecuación deste espazo deportivo.

Todas estas actuacións continúan a liña en materia deportiva promovida desde o Concello de Verín durante os últimos anos, destinada a asentar o concepto de promoción da saúde a través dos campos de creación de ambientes favorables a saúde, fortalecemento da acción e participación comunitaria, desenvolvemento de actitudes persoais saudables e formulación dunha política pública baseada no deporte desde a infancia.

Con motivo da remodelación desta sala aeróbica e dotación de novo equipamento para o ximnasio da Piscina Climatizada, desde mañá xoves 09 e ata o 16 de xaneiro, as clases vespertinas que se imparten na actual sala aeróbica serán suspendidas. As mesmas retomaranse o 20 de xaneiro no seu horario habitual.

8 de xaneiro de 2014 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.